Bueu conmemora o setenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU
Por Redacción
Rapaces e rapazas dos seis centros educativos de primaria e secundaria de Bueu foron os protagonistas dos actos organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río e a Asociación Alfombras de Bueu con motivo da conmemoración do setenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU.
O alumnado destes colexios confeccionaron na Praza Massó unha alfombra de entre 60 e 80 metros cadrados, construída arredor dun centro conformado polo logo da ONU para a conmemoración da carta dos dereitos humanos e rodeado de seis deseños sacados dos debuxos do concurso escolar celebrado o pasado mes de setembro.
Este tapiz completouse con trinta figuras de origami, imitadoras das esculturas da Enlightned universe (Universo iluminado), unha creación de Cristóbal Gabarrón para celebrar o aniversario da ONU que se inaugurou en Nova York en 2015.
Ademais, o salón de plenos do Concello acolleu unha lectura dos trinta dereitos humanos a cargo de diversos persoeiros, entre os que destacaron o ciclista Álvaro Pino, a poeta Oriana Méndez, o cociñeiro Pepe Solla, a cantante Uxía Senlle, o ilustrador Marc Taeger ou Rosmy Gabarrón, a filla do propio Gabarrón.
O alcalde Félix Juncal foi o encargado de dar lectura ao último dereito, e destacou que o pobo de Bueu "ten que sentirse orgulloso de celebrar esta efeméride, na que debemos apostar decididamente por esa parte humana que nos une".