O BNG ignora as emendas de Cidadáns e non acepta que se debatan xunto ao orzamento para 2019
Por Redacción
As relacións entre os cinco partidos políticos con representación na corporación municipal de Pontevedra en relación coa aprobación dos orzamentos para 2019 enredáronse este luns durante unha reunión da comisión de Economía e Facenda da que saíu unha situación que o BNG describe como "kafkiana", o PP como "espectáculo bochornoso" e Cidadáns como "un mal saber perder" do grupo de goberno.
O resultado da comisión foi que o vindeiro venres o pleno debaterá o proxecto de orzamentos tal e como o presentou inicialmente o grupo de goberno do BNG e aprobouse en Xunta de Goberno, pois durante a comisión saíron rexeitada a emenda á totalidade presentada polo PP e as 28 parciais de Marea Pontevedra e, aínda que si se aprobaron as 11 que achegaba Cidadáns, finalmente os nacionalistas emitiron un voto particular polo que o debate comezará debatendo o proxecto inicial sen as emendas aprobadas.
No caso de que ese documento inicial se aprobe, xa non irá a votación o orzamento modificado con esas 11 achegas.
Rafa Domínguez (PP), María Rey (Cidadáns) e Raimundo González (BNG) compareceron ante os medios de comunicación ao termo da comisión de Economía este luns e explicaron distintas versións desa reunión na que o BNG e PSOE presentaron unha mesma postura e os outros tres grupos unha diferente cada un.
Raimundo González explicou que as emendas de Cidadáns saíron aprobadas tras un empate con 4 votos a favor (2 PP, 1 Marea e 1 Cs), 4 en contra (BNG) e a abstención do PSOE. Logrouse a súa aprobación polo voto de calidade do presidente da comisión, Rafa Domínguez. As 28 emendas de Marea saíron rexeitadas, 27 delas cun 5-4 (votos a favor de Marea, Cidadáns e PP en contra de PSOE e BNG) e a outra cun 7-4 (os votos a favor de Marea e Cidadáns e en contra de de PSOE, BNG e PP).
Tan só as emendas de Cidadáns saíron adiante e, ao final da reunión, o BNG pediu que se repetise a votación, pero o presidente da comisión rexeitou tal opción. Finalmente, ao non poder facelo, Raimundo González presentou o voto particular do BNG que levará a esa votación en pleno que o propio portavoz municipal recoñece que non ten precedentes.
A modo de resumo, o portavoz do goberno local sostén que existe unha "unión de Marea, Cidadáns e PP para tentar tumbar os orzamentos" e móstrase especialmente crítico coa postura adoptada pola agrupación que lidera Luís Rei, pois o BNG mantivo unha primeira reunión con eles o 12 de novembro na que lles trasladaron que se absterían para facilitar a aprobación dos orzamentos sen facer achegas específicas.
Con todo, a partir de aí comezou unha sucesión de acontecementos que Raimundo González define como "kafkiana", pois presentou 28 emendas que non quixo negociar e o pasado venres 7 e este luns 10 mantiveron reunións con eles nas que o grupo de goberno ofreceulles incluír algunhas desas emendas, pero non houbo acordo porque as querían todas. "Querían que se visibilizasen as súas emendas", critica, co resultado final de que "foron a partir un piñón con PP e Cidadáns".
María Rey mostrouse visiblemente enfadada polo voto particular emitido polo BNG, pois considera que "busca calquera maneira" para evitar o debate das súas emendas. Na súa opinión, esta postura é "unha falta absoluta á oposición", "un mal saber perder" e "unha rabecha", pois se trata de emendas que, en moitos casos, non levan dotación económica e recollen demandas como garantir o comedor escolar para 65 nenos pontevedreses.
Rafa Domínguez interpreta que durante a comisión produciuse unha negociación in extremis entre o PSOE e o BNG con "chamadas de teléfono cruzadas, membros do BNG que saían, membros do PSOE que saían, mensaxes de texto..." e, como resultado, os nacionalistas pediron o novo voto sobre as emendas de Cidadáns, demanda que el rexeitou dicíndolles "que chegasen antes a un acordo" e tendo o apoio do secretario.
Na súa opinión, foi "un espectáculo bochornoso entre o BNG, o grupo Marea e o grupo PSOE" que os pontevedreses "non se merecen". "Non é admisible nin serio que se fixeron así as cousas", engade.
Relacionadas:
-
Rexeitan todas as alegacións presentadas ao orzamento municipal de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG aproba sen sobresaltos, coa abstención de PSOE e Marea, o orzamento de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños de Mollabao piden que os orzamentos de 2019 contemplen a reforma integral do barrio
Por Redacción |
-
Marea e Cidadáns presentan enmendas ao orzamento municipal de 2019
Por Redacción |
-
O orzamento municipal agarda polas emendas do resto da corporación
Por Oskar Viéitez |
-
Marea facilitará a aprobación do orzamento municipal coa súa abstención
Por Alejandro Espiño |