Unha testemuña apunta a catro mozos como autores da agresión vandálica a Ravachol
Por Alejandro Espiño
A investigación da agresión vandálica que a estatua de Ravachol, na praza da Peregrina, sufriu na madrugada do domingo avanzou nas últimas horas, segundo puido saber PontevedraViva.
Fontes da investigación confirmaron que a aparición dunha testemuña arroxou certa luz ao sucedido. Apunta a que un grupo formado por catro mozos serían os que esnaquizaron a estatua.
Os feitos sucederon sobre as sete e media da madrugada e, segundo parece, os mozos colgáronse da estrutura do loro ata que a estatua cedeu pola base e caeu. Posteriormente, depositárona na parte traseira da Peregrina.
Os axentes da Policía Local analizarán agora as cámaras de seguridade dos establecementos comerciais da zona, especialmente a da sucursal do Banco Santander situada xunto á estatua, para tratar de identificar os autores deste acto vandálico.
O Concello, que xa solicitou acceso a estas cámaras, recoñece que será difícil identificar e localizar a estes mozos, salvo que as investigacións e a revisión destas imaxes sexan concluíntes.
Mentres tanto, a estatua de Ravachol atópase custodiada pola Policía Local, segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que confía en que volva estar colocada no seu lugar "o antes posible".
González entende que esta agresión vandálica é "rexeitable", pero asegurou que este tipo de actos son "testimoniais", negando que exista un "cúmulo de desperfectos" nos conxuntos escultóricos da cidade que xustifiquen tomar medidas máis drásticas.