Os veciños da Parda estrearán este venres o seu novo local social
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto ao concelleiro Luís Bará, inspeccionou este martes o resultado dos traballos de acondicionamento do local social da Parda. A reforma foi adxudicada o pasado mes de outubro á empresa Ediserpo por un importe de 388.000 euros. A garantía dos traballos será de cinco anos.
O local está situado na rúa Cítara fronte ao colexio Sagrado Corazón. Trátase dun baixo de 450 metros cadrados, cedido ao Concello dentro da unidade urbanística número 13. Está composto por unha sala multiusos, un almacén, unha zona de xogos infantís, unha sala de estar ou cafetería, biblioteca, salón social e zonas de servizos (aseos, recepción, sala de máquinas...).
Fernández Lores mostrouse moi satisfeito polo resultado "espléndido" da reforma que definiu entre bromas como "isto é NH Zona Leste", en referencia á decoración da cadea de hoteis NH, que segundo o alcalde garda similitudes co local veciñal.
Este venres 31 de maio terá lugar a inauguración na que será cedido ás asociacións veciñais Manuel Quiroga e Pedra do Lagarto. O Concello cede o uso do local para os veciños pero se reserva a propiedade do inmoble e a posibilidade de realizar calquera actividade que estime oportuna neste espazo.
REDE DE LOCAIS SOCIAIS
O Concello traballa agora para dotar de local social aos veciños do Burgo, situadas nos baixos de Pasarón. "Eu teño o compromiso do presidente da Deputación para que, se é necesario, se reteña a fianza que ten depositada a empresa Oreco, para cumplir con todos os requisitos e rematar coas deficiencias que presenta o local", dixo o alcalde que recordou que tamén hai unha consignación municipal, duns 80.000 euros para acondicionar estas instalacións que teñen unha superficie de 300 metros cadrados.
"Estamos facendo a de Sabarís, en Campañó e se fixo o outro día a presentación de o de Salcedo que é a máis gorda que nos queda por facer, e imos ver se melloramos o de Lusquiños en Tomeza", concluiu.