O afundimento na beirarrúa do edificio Sol xa é historia
Por Redacción
As obras de reparación das beirarrúas do edificio Sol, na entrada a Ponte Caldelas desde Pontevedra, déronse por finalizadas.
O resultado segundo o goberno local é "satisfactorio", ao poñer fin ao afundimento do pavimento, produto da erosión que estaban a producir as filtracións de augas pluviais e fecais.
Unha vez finalizados estes traballos o pavimento, que se desprazou ata 15 centímetros nalgúns puntos, volveu quedar nivelado e consolidado grazas á instalación dunha base de formigón reforzado con malla metálica fixada ao zócalo do propio edificio.
Con todo, a actuación máis importante foi a substitución da rede de augas pluviais, que causaba o arrastre de terra nunha zona que foi obxecto de recheos cando se urbanizou a rúa.
Ademais durante a execución dos traballos descubriuse que unha das acometidas do saneamento soltouse e causaba tamén filtracións aos garaxes.
Tras esta actuación o Concello ten previsto acometer o asfaltado parcial da rúa.