Instalan novas marquesiñas de autobús en Moraña
Por Redacción
O Concello de Moraña iniciou a instalación de novas marquesiñas de espera para viaxeiros en varios puntos do municipio, coas que pretende fixar con exactitude os lugares de parada do transporte público, especialmente o escolar.
En concreto procedeuse á instalación da primeira destas estruturas no Pazo, na parroquia de Rebón, e outra máis se situou na aldea de Soar, en San Lourenzo. Desta forma resta só colocar a prevista en Lameiro.
“Trátase de obras pequenas, aínda que nalgún caso fixemos unha actuación grande con dotación de cimentación, pero que son moi demandadas polos veciños e que melloran en moito a súa calidade de vida, porque as esperas do transporte no inverno, especialmente no caso dos escolares os días de choiva, son moito máis levadeiras", explicou sobre este asunto a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro.
O obxectivo destas marquesiñas, que se suman ás xa existentes no municipio, é reforzar a cobertura dos veciños e usuarios que empregan o transporte público en Moraña, entre os que se atopan ao redor de 200 escolares ao día.