VÍDEO.- O Grove enfróntase á violencia de xénero: "Estamos aquí, querémonos vivas e visibles"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A desigualdade entre homes e mulleres e a violencia de xénero non ten oco na sociedade en xeral nin no Grove en particular. Esta é a mensaxe que este venres transmitían as máis de 200 persoas que secundaron a concentración convocada tras o último caso de violencia machista en que José Antonio P.F. disparou a súa ex parella no seu enderezo desta localidade e despois atrincherábase na súa casa para pegarse dous tiros.
A deste venres foi a segunda concentración máis numerosa de todas as realizadas no Grove contra o machismo, tan só superada pola realizada durante a folga feminista do pasado 8 de marzo, pois a sociedade grovense sentiuse esta semana especialmente axitada e desgarrada ao ser a vítima unha veciña da localidade.
Este último caso de violencia machista é, en palabras da concelleira de Igualdade, Noemí Outeda, "moito máis difícil e moito máis doloroso" e nin a ponte festiva nin a chuvia que non parou de caer en toda a mañá lograron desmobilizar a veciñanza, que secundou a concentración coa súa veciña Eva María A.F. moi presente e remataron con cinco minutos en silencio.
A vítima recibiu a alta hospitalaria este venres e recupérase xa en casa dunha brutal agresión en que o seu ex marido lle disparou na cabeza e no pescozo tras entrar sen o seu permiso no enderezo do Grove en que vivía, vulnerando a vontade dela e quebrantando a orde de alonxamento que tiña desde que ela o denunciou por primeira vez o pasado agosto por violencia de xénero. Segundo Noemí Outeda, "ela tiña cambiado a pechadura e o número de teléfono" e, malia todo, "el, non sabemos como, pero conseguiuno outra vez".
Mentres ela intenta "volver á normalidade canto antes", o seu pobo quixo gardar silencio "como protesta ou como reflexión" ante a súa brutal agresión e ante "o que estamos a vivir como sociedade aínda en pleno século XXI", coas mulleres como vítimas da violencia dos homes.
A concentración tamén serviu para reivindicar un cambio por parte da sociedade en xeral en canto a que "sempre tendemos a poñer a mirada nas mulleres, somos as mulleres as que sempre temos que ser a cara visible, demostrar que somos maltratadas, cando, en realidade, habería que porlle o ollo visible ao maltratador", poñer o foco nos homes que están a matar e agredindo física e psicoloxicamente as mulleres.
Tanto o alcalde, José Cacabelos, como a concelleira de Igualdade citaron á xornalista e escritora Montse Fajardo, que días atrás participou nunha actividade no Grove e apostou por un cambio neste sentido e que deixen de ser as mulleres e nenos maltratados os que teñan que saír á rúa con protección para que sexan os seus agresores os vixilados para que non se acheguen a eles.
"Non sabemos por que teñen que ser as mulleres as que teñen que ir cunha patrulla da Garda Civil e que todo o mundo saiba que é unha muller maltratada cando teñen que levar esa parella da Garda Civil e que todo o mundo o coñece é o maltratador", defenden.
Eva María dera todos os pasos denunciando o seu agresor e adoptando medidas de seguridade, "seguiu todas as recomendacións" que adotian facerse ás vítimas de violencia de xénero, "seguiu o camiño correcto" e, malia todo, a punto estivo de morrer a mans do seu maltratado. "Non sei que puido fallar", destacou Outeda.
"Estamos aquí, querémonos vivas e visibles", berraron quen secundaba esta concentración nun manifesto lido pola concelleira de Igualdade que rematou avisando de que "non vamos deixar de esixir que haxa unha xustiza que nos protexa", en alusión a que "necesitamos que a xustiza entenda que un maltratador nunca pode ser un bo pai" y "a maior das responsabilidades é a protección das mulleres e das súas fillas e fillos". Convén lembrar que "a violencia como forma de resolución dos conflitos só xenera violencia".
José A.P.F. pegouse dous tiros na cabeza polos que tivo que ser trasladado ao servizo de Neurocirurxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Fontes da investigación confirmaron que, polo dagora, non puido ser dedito porque está sedado e agárdase que continúe así aínda varios días. En todo caso, permanece custodiado pola Garda Civil no hospital e, cando se recupere, será posto a disposición do xulgado de instrucción número 4 de Cambados, o mesmo que o 28 de agosto ditou unha orde de alonxamento para protexer a Eva María A.F., de 47 anos.
Cando sexa detido, vai atribuírselle previsiblemente un delito de homicidio en grao de tentativa e tamén quebrantamento de condena e tenencia ilícita de armas.
Relacionadas:
-
O home que intentou matar a disparos á súa muller no Grove, en libertade á espera do xuízo
Por Alejandro Espiño |
-
Envían a prisión ao home que disparou á súa ex parella, atrincheirouse na súa casa do Grove e pegouse dous tiros
Por Natalia Puga |
-
A vítima da agresión machista do Grove, fóra de perigo tras ser operada
Por Alejandro Espiño |
-
Un home pégase dous tiros tras disparar a súa parella nunha vivenda do Grove
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada