Un integrante de Galiza Nova denuncia en redes sociais unha agresión por levar un distintivo nacionalista
Por Redacción
Galiza Nova emitiu un comunicado denunciando unha posible "agresión fascista" a un dos seus militantes. Segundo indica esta agrupación política nacionalista, o mozo Pablo Blanco, veciño de Marín, paseaba por Pontevedra o 5 de decembro, na noite previa ao Día da Constitución, cando un grupo de mozos de entre 20 e 25 anos o atacaron. Correron cara el e lle deron unha patada no peito berrando "esto es España".
Segundo relatan desde Galiza Nova, a causa desta presunta agresión atopábase en que o mozo marinense vestía unha camisola coa bandeira de Galicia.
Pablo Blanco, a través de Facebook, lanzaba horas depois da agresión esta mensaxe: "ía coa camiseta de Galiza, viñeron uns fascistas, déronme unha patada no peito, se non é por uns punkis que estaban alí, mátanme. O fascismo non se se lle combate facendo manis, o fascismo mátase xogando o seu mismo xogo".
Dese a agrupación na que milita denuncian e rexeitan a agresión e tamén denuncian a impunidade coa que actúan "estes grupúsculos avivados polos medios de comunicación do estado español, co seu discurso antiindependentista e propagador do odio ao diferente". Realizan, ademais, unha chamada para organizar o antifascismo galego.
O mozo que presuntamente sufría as agresións non presentou denuncia nas oficinas da Policía Nacional, segundo puido comprobar PontevedraViva. Numerosas persoas están a mostrar apoio a Pablo Blanco a través das redes sociais.
Segundo indica Xurxo Agra do Pazo, responsable local do BNG en Marín, este suceso non é un caso illado porque xa se teñen rexistrado ataques a vehículos en Marín por levar a pegatina "GZ" ou a Cruz da Maceira. Afirma que non son "chiquilladas" e que é necesario para a estes grupos.