A Garda Civil detén unha veciña do Vao reclamada pola Audiencia Provincial
Por Redacción
A Garda Civil detivo unha veciña do poboado do Vao de Arriba que tiña pendente unha orde de ingreso en prisión por un delito de tráfico de drogas.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, a detención produciuse a última hora da tarde do pasado xoves no transcurso dun punto de verificación de vehículos e persoas que estaba a levar a cabo a patrulla de seguridade cidadá da Compañía da Garda Civil de Pontevedra nos accesos ao poboado do Vao, dentro do plan de prevención do tráfico de drogas nesta zona.
Nun dos vehículos que se interceptou no punto de control viaxaba N.C.G., de 42 anos, veciña do Vao, sobre a que recaía unha orde de detención e ingreso en prisión ditada pola sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, para cumprir unha condena de tres anos de prisión por un delito de tráfico de drogas.
Esta persoa, xunto con outros dous veciños, fora detida no transcurso dunha redada levada a cabo pola Garda Civil no mes de maio de 2016 no poboado do Vao, na que se incautaron preto de 2.000 dose de heroína e 500 de cocaína.
A detida foi ingresada directamente o mesmo día no Centro Penal da Lama, onde cumprirá a condena que tiña pendente.