A Plataforma de San Salvador reclama á Xunta que repoña as prazas vacantes nos centros sanitarios de Poio
Por Oskar Viéitez
A Plataforma de San Salvador reclama un novo centro sanitario en Poio e "a curto prazo" demanda á Xunta que repoña as prazas vacantes en todos os centros sanitarios deste municipio "posto que a situación empeza a ser insustentable".
Nun comunicado feito público esta semana, o portavoz deste colectivo, Sergio Pereira, entra no debate sobre a conveniencia de ampliar o centro de Anafáns e asegura que "cremos que a ampliación acordada pola Xunta de Galicia e o Concello de Poio é insuficiente".
Esta plataforma engade que, segundo o que lles comunicaron na reunión mantida coa xerencia do Sergas, "Anafáns non reúne os requisitos urbanísticos municipais para desenvolver o plan funcional acordado polo Sergas e o Concello de Poio" e sobre esta proposta de ampliación deixa claro que "nós a rexeitamos".
A Plataforma de San Salvador fai un chamamento aos partidos políticos "para que este tema non sexa utilizado como arma política nin electoralista" e piden ao Concello de Poio e á Xunta de Galicia "que senten, en serio e de verdade, dunha vez por todas para atopar solucións".
"Xa está ben de palabrería por parte de ambas as administracións, necesitamos feitos", asegurou Sergio Pereira.