Moraña impulsa a recollida selectiva con máis contedores de plásticos e papel-cartón
Por Redacción
O Concello de Moraña vai impulsar unha nova mellora da recollida selectiva de residuos coa adquisición de máis de 60 contedores de plásticos e de papel-cartón que se distribuirán por todo o municipio e cos que se pretende favorecer a reciclaxe e seguir diminuíndo a produción de lixo orgánico e a factura que abonan as arcas municipais a Sogama polo seu tratamento.
"Imos darlle un novo pulo á reciclaxe con estes contedores, que favorecerán a selección de residuos por parte dos veciños, tanto pola nosa conciencia medioambiental como pola intención do Concello de reducir os gastos que pagamos polo chamado contedor verde e dispor así de máis fondos para outros servizos e necesidades", explicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro, que recibiu no almacén municipal a primeira partida destes depósitos.
O concello morañés vén de acadar unha partida de 25 contedores, vinte para plásticos e envases lixeiros e cinco para papel-cartón, que foron adquiridos con fondos da Xunta. Ademais, vaise complementar proximamente este lote cunha partida municipal de 8.000 euros que permitirá mercar outros 37, dos que 35 serán amarelos e os dous restantes azuis.
Deste xeito, disporanse dun total de 55 para plásticos e 7 para papel-cartón que se distribuirán polo casco urbano e por todas as parroquias e que servirán para ampliar a oferta existente e achegar o servizo aos cidadáns, aínda que, nalgún caso, se destinarán á reposición dalgúns que se poidan atopar deteriorados.
"Os últimos datos oficiais dos que dispoñemos sinalan que en Moraña se recollen 1.200 toneladas anuais de residuos orgánicos fronte a 150 de papel-cartón e 75 de envases lixeiros. Estamos na media galega, pero é a nosa obriga e convicción reducir o peso do contedor verde e fomentar a reciclaxe, xa que coidaremos aínda máis o noso medio ambiente e reduciremos este gasto nas arcas municipais", explicou con detalle a rexedora local.
Así mesmo, Piñeiro engadiu que, ao abeiro desta xestión municipal do tratamento e recollida de lixo, o Concello entregou nos últimos meses 25 composteiros individuais aos veciños que os solicitaron e anunciou que, ante o incremento da demanda para tratar o lixo orgánico nas propias vivendas, vaise ampliar a medida o vindeiro ano con novas entregas destes equipos.