Ferido grave un ciclista en Cambados ao cruzárselle un can
Por Redacción
Unha caída provocou lesións graves a un ciclista que circulaba polo lugar de Laxes, en Cambados. Segundo informou o 112 Galicia, o suceso rexistrouse pouco antes das dez da mañá deste xoves.
Foi un particular o que avisou aos servizos de emerxencia pedindo asistencia médica urxente para o ciclista ao que se lle cruzou un can e caeu ao chan. Como consecuencia do golpe, o home sufriu importantes lesións nunha perna, posiblemente fracturada.
Unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias evacuou ao ferido ao Hospital do Salnés.
Axentes da Policía Local tamén acudiron ao lugar co fin de determinar as circunstancias do accidente.