A Subdelegación do Goberno conmemorou o 40 aniversario da Constitución
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra conmemorou este 6 de decembro o 40 aniversario da Constitución Española cun acto oficial.
No seu discurso a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, demandou un impulso para a adaptación da Carta Magna "aos novos tempos e os desafíos que temos nos próximos anos".
Larriba subliñou que "temos que recoñecer que a Constitución do 78 permitiu que o noso país estea hoxe na Unión Europea e teña o recoñecemento internacional como unha democracia consolidada e dun país na primeira liña dos dereitos e liberdades individuais".
"Pero algo está a ocorrer nos últimos anos que fixo que a cidadanía senta afastada da nosa realidade e de todo aquilo que representou a nosa Constitución para aqueles e aquelas que realizamos un esforzo titánico para que o noso país saíse do ostracismo e incorporásese como uno máis ás modernas democracias da nosa contorna", recoñeceu a subdelegada.
CONDECORACIÓNS
No acto da Subdelegación do Goberno en Pontevedra entregáronse oito condecoracións ao mérito civil e a protección civil que recoñecen as intervencións humanitarias máis relevantes realizadas polas forzas e corpos de seguridade na provincia ao longo do último ano.
A subdelegada estivo acompañada pola comisaria xefe principal da Comisaría Provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma, o coronel da Garda Civil da comandancia provincial, Jorge González, e a xefa territorial da Consellería de Presidencia, Marta Mariño, entre outras personalidades.
Entre as condecoracións ao Mérito Civil están as enconmendas á Orde do Mérito Civil para Camilo Loureiro Gómez, inspector xefe da brigada de información da comisaría provincial de Pontevedra, e para José Fernández Novoa, inspector xefe da policía científica da comisaría de Vigo.
Así mesmo, atópase a cruz de prata da Orde do Mérito Civil, outorgada a Joaquín Pérez García, un garda civil do posto de Ponte Caldelas. Outra cruz de prata foille entregada a José Antonio González Otero, garda civil da comandancia de Pontevedra.
Por outra banda, o sarxento da agrupación de tráfico da Garda Civil de Pontevedra, Juan Varela Ponte, recibiu unha medalla ao Mérito da Seguridade Viaria.
Francisco Javier Amaro Cendón recibiu a medalla ao Mérito da Protección Civil co distintivo branco, que recoñece a "cooperación" pola súa "colaboración altruísta coa o Subdelegación do Goberno nos últimos 30 anos".
A Darío Cedres Correa entregóuselle unha medalla ao Mérito á Protección Civil con distintivo vermello, que recoñece o " heroísmo e a solidariedade" no rescate de decenas de persoas desde a súa lancha neumática no accidente do festival O Marisquiño do pasado mes de agosto.
Por último, a Policía Local, o grupo de emerxencias e a agrupación de voluntarios de Protección Civil do Grove recibiron a medalla ao Mérito á Protección Civil con distintivo azul que recoñece a "colaboración", no seu caso por "as actuacións dos últimos 25 anos" e, en concreto, polo seu "comportamento" ante o accidente dun catamarán que ardeu con máis de cincuenta pasaxeiros a bordo nas inmediacións da Toxa o pasado mes de xullo.
ACTO DO PP LOCAL EN CAMPOLONGO
O presidente local do Partido Popular de Pontevedra e portavoz municipal, Rafa Domínguez, acompañado da secretaria xeral, Pepa Pardo, celebrou en Campolongo un acto homenaxe organizado por Novas Xeracións fronte ao monumento á Constitución.
"No es casualidad que este monumento lleve tanto tiempo abandonado. El BNG de Lores no cree en la Constitución", lamentou Domínguez durante a súa intervención.