A vítima da agresión machista do Grove, fóra de perigo tras ser operada
Por Alejandro Espiño
Fóra de perigo e en fase de recuperación. Así se atopa a muller de 47 anos, vítima do último caso de violencia machista no Grove. A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, explicou que evoluciona favorablemente das súas feridas e non se teme pola súa vida.
A muller, que foi trasladada ao Hospital Montecelo despois de ser rescatada pola Garda Civil, foi operada nas últimas horas para extraerlle restos da munición que tiña aloxada no pescozo tras recibir os disparos da súa parella.
Larriba sinalou que o calibre "muy bajo" da arma empregada polo agresor, un calibre 22, evitou que houbese "consecuencias más graves".
A investigación de caso, mentres tanto, continúa e a subdelegada explicou que desde o pasado 28 de agosto o agresor tiña unha orde de afastamento da súa parella, coa que convivira "más de veinte años".
Esta situación, segundo Larriba, estaba "registrada y controlada" polo sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (VIOGEN) e "seguida" pola unidade de muller e menores da Garda Civil.
O home, tras a denuncia da súa muller por violencia de xénero, abandonou o domicilio que ambos compartían no Grove e regresou á súa cidade natal, Ourense, desde onde se desprazou para atentar contra a súa parella. Non tiña permiso de armas, confirmaron os investigadores.
"Lamentablemente no podemos estar en la cabeza del agresor", asegurou a subdelegada do Goberno, que confirmou que a pesar desa orde de afastamento, o home conservaba unha chave do apartamento no que ambos residiran e onde se produciron os disparos, ao mediodía de onte mércores.
A vítima, tras ser ferida no pescozo e no coiro cabeludo, foi rescatada pola xanela da vivenda por axentes da Garda Civil, e o agresor "se atrincheró" nunha das habitacións, relatou a subdelegada, tras o cal "se oyeron dos detonaciones".
Non logrou quitarse a vida a pesar dos dous disparos na cabeza e cando a Garda Civil logrou acceder ao domicilio atopárono "malherido" e tirado no chan.
O autor desta agresión machista, José A.P.F. de 59 anos, atópase ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, con prognóstico reservado, onde terá que ser operado polos servizos de neurociruxía para extraer as dúas balas que ten aloxadas no cranio.
Está sedado e custodiado polas forzas de seguridade, aínda que por agora non está formalmente detido, xa que fontes próximas ao caso sinalaron que non está "en condicións" de serlle notificada a súa detención. Así continuará, previsiblemente, durante os próximos días.
Unha vez estea recuperado, pasará a disposición do xulgado de instrución número 4 de Cambados, o mesmo que decretou en agosto a orde de afastamento para protexer á muller. Será investigado polos delitos de de homicidio en grao de tentativa, quebrantamento de condena e tenencia ilícita de armas.
Relacionadas:
-
Envían a prisión ao home que disparou á súa ex parella, atrincheirouse na súa casa do Grove e pegouse dous tiros
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- O Grove enfróntase á violencia de xénero: "Estamos aquí, querémonos vivas e visibles"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un home pégase dous tiros tras disparar a súa parella nunha vivenda do Grove
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada