Plaxio, acoso e indisciplina nas aulas. A Universidade alerta do uso indebido das novas tecnoloxías
Por Oskar Viéitez
Esta semana celebrouse o Claustro da Universidade de Vigo no que, por terceiro exercicio consecutivo, presentouse o orzamento de ingresos para 2019 que será de 182 millóns de euros, superior nun 5,79% ao do ano anterior.
Neste claustro, o presidente do Tribunal de Garantías, Argimiro Rojo, expuxo o seu informe anual no que fixo un debuxo detallado das actuacións levadas a cabo polo órgano que el preside ao longo de 2017.
O presidente do Tribunal de Garantías amosou a súa inquedanza polo incremento do uso indebido das novas tecnoloxías, que dá lugar, segundo indicou, a casos de plaxio, copia, acoso e indisciplina nas aulas.
"Algúns acontecementos recentes deberían alertarnos sobre esta problemática e nalgúns centros deberíanse reforzar as medidas de prevención e control", salientou o defensor universitario.
Argimiro Rojo fixo tamén fincapé en que a universidade ten que aceptar "dunha vez por todas" que o uso indebido das novas tecnoloxías é "unha ameaza e un desafío" ao que se ten que afrontar.
A Universidade de Vigo anunciou que creará un comité, no que participará o alumnado, que se encargará de crear un código ético no que se abordará esta cuestión, cunha especial énfase na loita contra o plaxio.