Bueu renova a sinalización dos recursos turísticos do municipio
Por Redacción
Os novos paneis de sinalización nas praias de Bandeira Azul, concretamente en Lagos, Area de Bon, Portomaior e Lapamán, así como no areal urbano da Banda do Río, estrearon a actuación que puxo en marcha o Concello de Bueu para renovar os indicativos dos puntos turísticos.
A este respecto, tamén se levou a cabo un traballo de interpretación na contorna urbana, onde xa existían en moitos espazos un tipo de mesa interpretativa en bastidor de ferro galvanizado, con chapa de aluminio e vinilo de tintas resistentes.
Os novos espazos interpretados son a cheminea Massó, a propia Praza Massó, o xacemento romano de Pescadoira ou a escultura deseñada polo artista José Solla. Neste último caso tamén se instalou iluminación con focos de chan para resaltar así o seu carácter senlleiro.
A actuación realizouse no marco das subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, polo que se asinou un convenio entre o Concello e a Axencia de Turismo de Galicia. O orzamento total ascendeu a 18.142,74 euros, sendo o 65% correspondente á achega do organismo autonómico e o restante ao Concello.
LOUREIRO BUSCA A SÚA BANDEIRA AZUL
O Concello avanzou tamén que, xunto coas praias que xa teñen bandeira azul, o próximo ano solicitarase este distintivo para a praia de Loureiro, un areal urbano que mellorou moito a súa calidade nos últimos anos. Ademais, concorrerán o sendeiro do litoral, o Centro de Interpretación de Agrelo e a Aula da Natureza de Cabo Udra.