Tres detidos por unha serie de roubos na provincia, cinco deles na Lama e Ponte Caldelas
Por Redacción
A Garda Civil logrou esclarecer 13 roubos en vivendas cometidos desde o pasado mes de xaneiro nas comarcas de Pontevedra e de Condado-Paradanta, dos que tres se rexistraron no municipio da Lama e dous en Ponte Caldelas, e deter aos seus tres presuntos responsables.
Os tres detidos son dous homes e unha muller veciños de Mondariz e xa foron postos a disposición do xulgado de garda de Ponteareas, que decretou o ingreso preventivo dos tres no centro penal da Lama.
A Garda Civil logrou identificalos como resultado de senllas operacións levadas a cabo durante a última semana por efectivos da Garda Civil da compañía de Pontevedra e do posto principal de Ponteareas.
Segundo informou a Garda Civil, xa había tempo que realizaban pescudas contorna a tres mozos sospeitosos que xa foran detidos in fraganti o pasado mes de maio no interior dunha vivenda en Ponte Caldelas e as sospeitas adquiriron consistencia a raíz do achado dunha pegada dixital da moza noutro dos cinco roubos en vivendas que se estaban investigando nos municipios de Ponte Caldelas e A Lama.
As investigacións concluíron que esta moza, acompañada dos outros dous homes, un deles a súa parella sentimental, foran os presuntos autores materiais de 13 roubos en vivendas: cinco en Ponteareas (dous no núcleo urbano, un en Santiago de Oliveira e dous en Guillade); dous en Mondariz ( Mouriscados); un nas Neves (Batalláns); tres na Lama (Gaxate, Antas e Seixido), dous en Ponte Caldelas (Forzáns e Tourón). Tamén lle atribúen un furto noutro domicilio en Covelo, onde subtraeron un reloxo de ouro que venderon nun local de compra venda de obxectos usados por uns 5.000 euros.
Durante o desenvolvemento das investigacións púidose comprobar que, ademais da proximidade xeográfica dos municipios afectados por este tipo de roubos, existía unha gran similitude no modus operandi da práctica totalidade dos casos investigados. Usaban o mesmo ou parecido procedemento para entrar nos inmobles e seleccionaban vivendas deshabitadas, utilizadas como segundas residencia ou durante os períodos vacacionais.
A estreita colaboración e o intercambio de información entre o equipo de Investigación da compañía da Garda Civil de Pontevedra e o posto de Ponteareas permitiu a localización e detención destes tres sospeitosos que se atopaban residindo no municipio de Ponteareas, todos eles cun amplo historial delituoso por delitos similares.
As pescudas concluíron coa recuperación dunha importante cantidade de efectos en distintos establecementos de compra venda de obxectos de segunda man e no rexistro do domicilio dos dous membros da parella detida, aos que se lles atribúe tamén a comisión de senllos delitos contra a seguridade viaria por conducir sen permiso.