Marea e Cidadáns presentan enmendas ao orzamento municipal de 2019
Por Redacción
Apurando ao máximo o prazo para a presentación de emendas, Marea e Cidadáns confirmaron este mércores que rexistraron ata 36 propostas para mellorar o orzamento municipal que o BNG deseñou para 2019.
Cidadáns reitera que votará en contra destas contas pero solicita que se inclúan once emendas que, segundo María Rey, recollen demandas realizadas polos propios veciños.
Así, figura unha partida de 90.000 euros para contratar dous novos traballadores sociais, que se habilite unha vivenda de acollida para situacións de emerxencia social, 55.000 euros para garantir o servizo de comedor escolar aos nenos en lista de espera ou 275.000 euros para acondicionar o pavillón do CEIP A Xunqueira I.
María Rey pide outros 7.000 euros para axudas en material escolar, 85.000 euros máis para aumentar a partida do plan de fomento do comercio, 5.000 euros para renovar as luminarias na iluminación pública, 2.500 euros para axudar a colectivos que recollen animais na rúa ou aumentar a presenza policial nas rúas.
Pola súa banda, Marea absterase á hora de aprobar o orzamento de 2019 pero propón incorporar ata 25 emendas a este documento.
O partido que lidera Luís Rei demanda abrir os xardíns da UNED, impulsar un plan de obras urbanas en Monte Porreiro, mellorar o parque de Maruxa Mallo, reformar as rúas Ernesto Caballero, Casimiro Gómez, Santiña, Echegaray, Antón Fraguas, Ponte Nova ou Ramón Peña ou enlazar Barcelos con Lepanto e Eduardo Pondal coa avenida de Vigo con novas rúas.
Ademais, Marea solicita impulsar o parque infantil de Médico Ballina, comprar a antiga central eléctrica de Mollabao, retirar os valos publicitarios, abrir varias rúas novas en Campolongo, recuperar o antigo lavadoiro da Seca, renovar os parques do municipio, habilitar aparcadoiro no centro de saúde de Lérez e realizar diversas obras en Verducido, Lourizán ou Campañó.
Relacionadas:
-
O BNG aproba sen sobresaltos, coa abstención de PSOE e Marea, o orzamento de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG ignora as emendas de Cidadáns e non acepta que se debatan xunto ao orzamento para 2019
Por Redacción |
-
O PP rexeita o orzamento de 2019 por non facer do emprego a súa prioridade
Por Redacción |
-
O orzamento municipal agarda polas emendas do resto da corporación
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE absterase no orzamento tras acordar co BNG darlle un sentido "máis social"
Por Alejandro Espiño |