Quince municipios pontevedreses incorpóranse á rede de concellos pola accesibilidade cognitiva
Por Redacción
Quince municipios pontevedreses intégranse na Rede de concellos pola accesibilidade cognitiva, unha iniciativa que promove a Asociación Xoán XXIII co fin de facilitar a comprensión do mundo ás persoas con discapacidade intelectual ou con dificultades de procesamento da información e tamén a outros colectivos con problemas de comprensión como maiores, persoas que non saben ler ou migrantes que non coñecen o idioma.
Os alcaldes de Pontevedra, Barro, Marín, O Grove, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Moaña, Bueu e Sanxenxo asinaron este mércores o compromiso dos seus concellos con este proxecto na sede da Asociación Xoán XXIII na capital da provincia. Outros tres comunicaron a súa vontade de facelo, os de Poio, Cangas e Vilaboa.
Por mor da entrada na rede os participantes comprométense a traballar con dúas ferramentas: a identificación e sinalización de espazos cunha sinalética específica e de lectura fácil. Nun ano avaliarase o traballo feito.
No caso do Concello de Pontevedra, o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que o modelo urbano ten na accesibilidade universal un dos seus piares fundamentais, unha aposta por unha cidade pensada para as persoas que fai da Boa Vila "un referente no mundo".
Tense moi avanzado na eliminación das barreiras arquitectónicas e físicas, no coidado das persoas, na creación dunha contorna igualitaria e inclusiva, lembra o alcalde Lores quen entende que romper as barreiras sensoriais e cognitivas é un paso máis cara a acadar a excelencia.