O Concello paralizará as obras de ENCE nas que se produciu o incendio por carecer de licenza
Por Oskar Viéitez
"Se a empresa non actuase como actuou este incendio non se tería producido", afirmou a tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, responsabilizando á empresa Ence do lume que á primeira hora deste mércores afectou a unha torre de refrixeración que estaba a ser desmantelada nunhas obras que "carecen da preceptiva licenza".
A concelleira nacionalista, responsable de disciplina urbanística, informou que a compañía pasteira está a executar obras no complexo industrial de Lourizán "sen ningún amparo legal" nin tampouco un título habilitante "que precisa para facelas" e por tanto "prodúcese un incendio nunha zona que están a desmantelar como consecuencia dunhas obras que están a facer sen licenza".
Hai xa varios meses o goberno local informou da apertura dun expediente de disciplina urbanística contra a empresa pola execución de diversas obras "sen licenza" ao que Ence alegou que as súas actuacións estaban amparadas polo Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal, algo que o Concello rexeita porque "aínda que exista o proxecto sectorial" é necesaria esta "porque é unha obra de iniciativa privada".
Na comparecencia de prensa, Carme da Silva explicou que o pasado 7 de novembro unha inspectora municipal acudiu á fábrica constatando que se estaban levando a cabo unha serie de obras de mellora da eficiencia enerxética e de integración urbanística.
Ao carecer estes traballos de "título habilitante municipal" cursouse unha orde de paralización da obra que "casualmente" se trasladará á empresa "hoxe ou o próximo día hábil".
Carme da Silva lamentou que a fábrica de celulosas "pretenda saltarse a lei e non cumprir, como fan todos os cidadáns e os empresarios que realizan unha obra" e ademais "estanlle burlando aos veciños de Pontevedra as taxas e o ICIO".
Sobre as causas do incendio, segundo Carme da Silva "parece ser que son como consecuencia das propias obras que se produce algún tipo de detonante do lume" pero a concelleira quixo ser prudente "e mentres non haxa un informe técnico detallado non me atrevo a aventurar causas".
RESPOSTA DE ENCE
Tras as declaracións efectuadas pola tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, a compañía ENCE emitiu un comunicado no que puntualiza que o incidente do día de hoxe, produciuse durante "traballos realizados para o desmonte de equipos obsoletos" e que esta actuación "non leva aparellada ningún tipo de obra civil".
"Ence non fai obras ilegais no interior das súas instalacións. A compañía respecta escrupulosamente a lexislación que lle é de aplicación", asegurou no seu escrito.
Igualmente asegura que todas as obras civís que Ence-Pontevedra está a acometer "están a comunicarse pertinentemente ao Concello de Pontevedra", e insiste unha vez máis que "son obras que se realizan sempre ao amparo do Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal".
Finalmente Ence quere destacar que na cabina de control ambiental situada en Campelo (Poio) que monitora permanentemente a calidade do aire e que está situada na dirección que seguiu o fume, "todos os parámetros medidos estiveron están dentro da normalidade, non detectándose ningunha incidencia".
Relacionadas:
-
A xustiza ditamina que as obras en ENCE precisan de licenza municipal
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
A plataforma de Lourizán acusa a Ence de levar a cabo obras ilegais
Por Oskar Viéitez |
-
Ence sinala que se rexistra entrada de madeira con normalidade malia a folga de transportistas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Concello ordena a ENCE a "suspensión inmediata" das obras na fábrica
Por Alejandro Espiño |
-
UXT aplaude a "profesionalidade" do persoal de Ence no incendio
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Un incendio aparatoso, pero de consecuencias menores
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Alarma en Pontevedra por un incendio na fábrica de ENCE en Lourizán
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada