Desatascar Fragamoreira, novos equipamentos e un vial alternativo á PO-308, prioridades para o BNG
Por Alejandro Espiño
A cinco meses das eleccións municipais, o BNG desvelou os grandes eixos sobre os que virará o programa co que Luciano Sobral presentarase á reelección como alcalde de Poio. Son, todos eles, compromisos que se obtén unha vez máis a confianza dos veciños do municipio preténdense impulsar nos primeiros anos do próximo mandato.
Nun almorzo informativo, Sobral destacou que tras catro anos nos que Poio experimentou un "cambio importante" para fortalecer o seu "crecemento", grazas á "xestión e o traballo" do grupo do goberno, toca dar un "paso adiante" e marcarse novas metas.
Así, o BNG considera "prioritario" para o municipio contar con chan industrial para que as pequenas e medianas empresas teñan "sitio para crecer". A este respecto, o alcalde instou á Xunta de Galicia a desatascar o proxecto de Fragamoreira e "ter en conta a Poio", incluíndo entre os seus plans o desenvolvemento deste parque empresarial.
Non é este o único proxecto co que os nacionalistas miran cara á administración autonómica, ao avanzar que defenderán a construción dun viario alternativo a unha PO-308 que "non dá para máis".
Entende Luciano Sobral que a actual estrada entre Pontevedra e Sanxenxo atravesa núcleos de poboación "moi definidos", polo que debe converterse nunha travesía urbana que reciba un tratamento acorde co seu alto volume de uso peonil e derivando os tráficos pesados por unha nova estrada.
En materia de mobilidade, Sobral reiterou que tamén resulta "fundamental" construír o novo viario do Vao, para facilitar o crecemento da parroquia de San Salvador; ou crear novas sendas para unir Combarro coa Seca e conectar Lourido coas sendas urbanas da cidade de Pontevedra.
Pero, sen dúbida, o proxecto máis ambicioso que busca impulsar o BNG é o de crear un novo espazo de "referencia" para a actividade municipal. O alcalde asegura que se están estudando posibles alternativas para ocupar uns 100.000 metros cadrados na contorna da Seca, do instituto ou da actual casa consistorial.
Neste espazo, segundo avanzou o líder do BNG, proponse construír un novo pavillón para "desatascar" a área deportiva da Seca, un centro social que conte cun pequeno auditorio ou un complexo administrativo que acolla equipamentos municipais que estean espallados polo concello como o xulgado de paz ou a Policía Local.
A iso sumaríanse servizos do propio Concello como almacéns, arquivo ou diversos departamentos, o que permitiría desconxestionar a actual casa consistorial que, segundo o alcalde, "xa se nos queda pequena".
CENTRO DE SAÚDE E DEPURADORA
Con respecto a dous asuntos que Poio arrastra desde hai tempo, Luciano Sobral volveu a reiterar que "é obvio" que o municipio necesita un novo centro de saúde, polo que asegurou que seguirá "insistindo" para que o Sergas renuncie a ampliar Anafáns e "entenda" que Poio "merece" unha infraestrutura sanitaria completamente nova.
Ademais, reclamará que se respecte o plan sectorial aprobado pola Xunta para construír a depuradora en Pampaído. Así o defenderá Poio, dixo, ante o Goberno central, administración á que o executivo galego traspasou o impulso deste proxecto necesario para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra.
Por último, Luciano Sobral defendeu que "a nosa meta" con respecto á illa de Tambo é que o Goberno acceda a incluíla dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Se non é posible, propón que sexa o Concello o que asuma a súa xestión.
A partir de aí ve necesario restaurar os elementos patrimoniais da illa, entre eles, o lazareto, a polvoreira, a capela de San Miguel ou a fonte de auga potable, ao que o alcalde sumou a rehabilitación dos camiños internos, a substitución dos eucaliptos por especies autóctonas ou a posible recuperación dun castro que estaría na parte alta de Tambo.
Relacionadas:
-
Poio esixe a Xestur que estude a viabilidade do polígono de Fragamoreira
Por Redacción |
-
A Plataforma de San Salvador reclama á Xunta que repoña as prazas vacantes nos centros sanitarios de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Tras 24 anos como alcalde Nito Sobral quere seguir no cargo ata o 2022
Por Oskar Viéitez |