A demolición dos chalés de Raeiros, segundo o TSXG, é a "única maneira" de repoñer a legalidade
Por Redacción
O futuro da urbanización de Raeiros é cada vez máis negro. Unha nova sentenza, a segunda en apenas unhas semanas, confirma a orde de demolición decretada sobre os 52 chalés encostados construídos en San Vicente do Mar (O Grove).
Esta vez é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a que cuestiona a legalidade destas vivendas, situadas nunha zona clasificada como solo non urbanizable de especial protección de costas, e que foron edificadas amparándose nunha licenza para construír un apartahotel de uso turístico.
O fallo da sección segunda da sala do contencioso-administrativo do TSXG desestima o recurso interposto contra a sentenza ditada en abril de 2017 polo xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra.
Os maxistrados conclúen no fallo que o estado actual da urbanización "conculca a legalidade urbanística" e subliñan que a orde de demolición eríxese na "única medida posible" a disposición da administración para eliminar a parcelación ilegal.
O TSXG recalca no fallo que as obras executadas "non están amparadas" pola licenza obtida en 1993 para construír un apartahotel, pois resulta "clara" a existencia dos apartamentos "como leiras independentes e de propietarios individuais", no marco dun complexo inmobiliario privado de natureza residencial.
"A única alternativa á pervivencia desa situación é a da súa demolición", consideran os maxistrados do alto tribunal galego, que consideran "acreditado" que os compradores das vivendas eran "coñecedores" das súas obrigacións para restituír a legalidade.
En 2007, lembra o TSXG, a Xunta de Galicia requiriu aos donos do complexo a implantación de uso hostaleiro na zona e a disolución da parcelación mediante a unificación de todas as casas nunha soa propiedade, pero ignoraron a orde.
Tres anos despois, en 2010, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) ordenou a derriba e volveu esixila en 2014.
Ao incumprir todos os requirimentos e non axustar a situación da urbanización á licenza concedida, o tribunal entende que a "única forma" de restaurar a legalidade pasa pola demolición, "obrigación na que se subrogan en cada momento quen sexa os titulares dos inmobles para demoler".
A sentenza non é firme e contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo ou ante a sala correspondente do TSXG.