VÍDEO.- Cando chegar á túa casa en ambulancia se converte nunha odisea
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A frustración xa empezou a apropiarse de Tina. A súa nai leva catro anos con mobilidade reducida tras sufrir un derrame cerebral, pasa a maior parte do tempo encamada e mesmo lle resulta complicado movela en cadeira de rodas. O día a día vaino sorteando, pero todo se lle complica cando cae enferma e necesita trasladala ao hospital, pois no seu propio coche resúltalle imposible e, cando solicita a presenza dunha ambulancia, o vehículo non pode chegar ata a porta da súa casa. É máis, queda a unha distancia duns 180 metros polo mal estado de conservación do camiño de acceso.
Esa frustración que empeza a ter xa como compañeira diaria vén dada por esas dificultades de accesibilidade, de modo que, xa cansa de que en pleno século XXI non teña garantido un servizo sanitario básico como a posibilidade de que unha ambulancia chegue á porta da súa casa, decidiu facer públicas as súas demandas e esixir a quen corresponda que tome medidas.
Tina vive co seu marido, as súas dúas fillas e a súa nai no lugar de Vilar, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, e ten dous posibles camiños de acceso á súa vivenda, construída xa polos seus pais hai 50 ou 60 anos. Un deles está asfaltado, pero é estreito e está cheo de fochancas, de modo que os turismos particulares pasan pero non unha ambulancia ou algúns vehículos de maior tamaño. O outro é máis ancho, pero non está asfaltado e, desde hai anos, está cheo de restrollos e matogueiras que imposibilitan que poidan pasar vehículos con todas as garantías.
Esta veciña de Ponte Sampaio é consciente de que o camiño máis estreito non pode ampliarse, pois ten unha vivenda dun lado e un muro do outro, de modo que centra as súas demandas no outro, o máis ancho. Trátase dun viario aberto fai uns 15 anos polo Concello de Pontevedra durante unhas obras para arranxar outros viarios do lugar, que incluíron a construción dun gran muro de contención de pedra. Durante os primeiros anos, podíase circular por el, pero o paso do tempo fixo crecer a maleza aos lados e foi deteriorando o chan, que agora é irregular e está cheo de pedras e terra. No inverno, convértese nunha lameira.
"Estou pedindo unha solución para unha persoa maior que non se pode mover"
A pesar de que a situación actual é moi mellorable, Tina lembra que "o camiño xa se mira, non fai falta moito para que poida pasar unha ambulancia". De feito, engade que "cun asfaltado e un pouco de limpeza polos lados xa era suficiente, polo menos para unha ambulancia, eu é o que quero" e que inlcuso podería anchearse se así o quixese a administración que recolla a luva da súa demandas, pois no seu día unha veciña cedeu un anaco de terreo para facer o camiño máis ancho, pero en ningún momento se fixo uso desa parcela.
Este mal estado de conservación do camiño dificúltalle a mobilidade habitualmente, pero de forma especial cando chove e hai mal tempo. Neses momentos, non só o camiño é peor, senón que, ademais, calquera outra alternativa que se busque resulta imposible.
De feito, a pinga que colmou o vaso do seu enfado cos problemas de accesibilidade produciuse en pleno inverno, hai uns meses, cando a súa nai tiña pneumonía e foi trasladada ao Hospital Montecelo. Cando lle deron o alta do servizo de Urxencias, unha ambulancia levouna a casa e tivo que quedar a uns 180 metros, no alto dun camiño que era un bulleiral. Eran as doce da noite, chovía con intensidade e víronse na tesitura de ter que baixala da ambulancia a esa distancia e levala a casa na padiola.
A escena non a esquecerán na vida. Dous camilleiros, ela, a súa filla e unha curmá cubriron a padiola da súa nai enferma con pneumonía con dúas mantas e un plástico negro e, cubríndoa cos seus propios paraugas, percorreron eses 180 metros interminables. "Viña de estar ingresada con pneumonía", insiste Tina para engadir a dureza do vivido.
Esa situación non é nova para esta pontevedresa que xa tivo ao seu pai enfermo durante unha tempada. No caso do seu proxenitor, hoxe falecido, levábano en cadeira de rodas ata o seu coche, trasladábao no vehículo ata o punto no que esperaba a ambulancia. De alí, levábano ao médico, de modo que se vivían momentos complicados, pero ía sorteando. Coa súa nai non pode facelo "porque non se aguanta, non se move nada, iso é imposible".
A súa petición non é complicada, "que me fagan a pista, non estou pedindo nada raro", insiste. "Estou pedindo unha solución para unha persoa maior que non se pode mover", engade, á vez que lembra que a zona de camiño máis próxima á súa casa arranxárono xa eles no seu día, pero ese tramo resúltalles inasumible. Ademais, non só dá acceso á súa casa, senón a leiras e propiedades doutros veciños.