A Deputación completa os convenios do Plan DepoRemse cos dez últimos concellos beneficiarios
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este luns cos dez últimos concellos beneficiarios os convenios de colaboración para a execución e financiamento dos proxectos beneficiarios do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse).
Asinaron os concellos de Cuntis, Meaño, Vilagarcía de Arousa, O Grove, Pontecesures, O Porriño, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui e Mondariz que empregarán este financiamento en proxectos para remodelar rúas e estradas o fin de facilitar a comunicación entre espazos de emprego e de uso social, sanitario ou educativo, así como mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado.
O pasado 22 de novembro asináronse convenios con outros 21 municipios de menos de 50.000 habitantes e moitos deles xa teñen os seus proxectos en licitación. Deste xeito, este luns péchanse as firmas para a posta en marcha dos 31 proxectos incluídos neste plan, dotado de 11 millóns de euros.
A presidenta provincial explicou que o Plan DepoRemse impulsa obras que inciden na mellora da seguridade viaria, da mobilidade, a accesibilidade universal e a recuperación do espazo público, seguindo o modelo de definición do territorio impulsado polo goberno provincial "no que os protagonistas son as persoas".
"Cada día máis, a xente reclama ter espazos onde poder moverse e relacionarse e nesa liña enmárcase DepoRemse", afirmou Carmela Silva en declaracións aos medios de comunicación.
Carmela Silva agradeceu aos alcaldes o seu "compromiso" con este "novo modelo de mobilidade sustentable" e destacou que "hai que ter valentía" para poñer en marcha "as transformacións realmente importantes".