Entidades sociais desafían á choiva para loitar por "un mundo sen discriminacións, sen barreiras"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A choiva persistente, o frío e o potencial desmovilizador que pode ter un luns pola mañá non lograron botar por terra o espírito co que se organizou a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que este ano, por terceiro consecutivo, celebraron de forma conxunta as principais entidades sociais que traballan con persoas con discapacidade en Pontevedra para lograr un fin común: "un mundo sen discriminacións, sen barreiras. Un mundo cheo de oportunidades".
O lema elixido foi 'Baixo o mesmo paraugas' e a previsión era, xa antes de coñecer as inclemencias meteorolóxicas, que todos acudisen con paraugas de cores para facer máis vistosa unha iniciativa que se desenvolvía simultaneamente na Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo. Finalmente, este complemento resultou especialmente útil para resgardarse da choiva na praza da Ferrería.
Este ano, por primeira vez, sumouse á conmemoración alumnado de centros educativos, como unha "clara aposta por traballar a inclusión desde as aulas para conseguir un cambio social real", de modo que o manifesto pactado por todos os colectivos lérono de forma compartida responsables de Amencer- Aspace e a asociación Xoán XXIII, usuarias dos centros destas dúas entidades e escolares do IES Sánchez Cantón e o CEIP Barcelos. Entre o público sumáronselle alumnos do CEIP Froebel.
A música e os paraugas serviron de nexo de unión para todos os participantes, que quixeron simbolizar que "todos temos cabida baixo o paraugas" sen diferenzas e que se oian moi claras as súas demandas porque "aínda queda moito por facer para lograr unha inclusión real a todos os niveis".
En toda Galicia saíron á rúa 50 asociacións que representan unha base social de máis de 22.000 persoas, incluíndo ás persoas con discapacidade, familias, profesionais, socios e voluntariado, que demandan "ter os mesmos dereitos de calquera cidadán" e peticións máis específicas como que "nas nosas escolas, todos teñan as mesmas oportunidades" e "que todo o mundo vexa e senta que o normal é que sexamos diferentes e que a diversidade é o noso maior valor".
"Non somos invisibles. Tampouco somos pobrecitos nin eternos nenos. Queremos demostrar que podemos facer moitas cousas, pero, sobre todo, queremos que nos coñezan de verdade", demandaron dúas mulleres con discapacidade, que defenden o seu "dereito para gozar dun lecer accesible, a transportes adaptados, a vivir en parella". En definitiva, "temos dereito a ser felices".