Carmela Silva fai un chamamento "aos demócratas" para "poñer límites xa á ultradereita fascista"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lanzou este luns un chamamento "aos demócratas" para "poñer límites xa á ultradereita fascista" que ten como obxectivos "a ruptura dos dereitos e das liberdades".
A mandataria socialista amosou a súa "enorme preocupación" pola irrupción de VOX no Parlamento andaluz e advertiu que "o discurso da confrontación, do medo ao outro e da linguaxe bélica, leva aos extremismos".
Silva sinalou que o fascismo "xa chegou, está aquí" polo que asegurou que "temos que facer unha profunda reflexión os partidos situados na esquerda" para analizar cales son as demandas reais da cidadanía e "responder con proxectos" que lles devolvan a confianza dos votantes.
Carmela Silva destacou que o ideario de VOX "expón bombardear ese marco de dereitos e de liberdades" conseguidas polos españois hai 40 anos e sinalou que está "particularmente preocupadísima" porque "é un partido que ataca a igualdade, os dereitos das mulleres".
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén chamou a atención sobre o "mal resultado" obtido polo Partido Popular nas eleccións andaluzas porque "está en caída libre" con 26 escanos e o 20,75% dos votos "pisándolle os talóns Cidadáns".
Carmela Silva recoñeceu que o Partido Socialista en Andalucía "tivo un mal resultado" a pesar de seguir sendo a primeira forza política "pero desde logo non responde as expectativas".
Neste sentido lamentou que o PSOE "non foi capaz de mobilizar ao electorado de esquerdas". Finalmente Carmela Silva vaticinou que haberá "moita inestabilidade" no Parlamento de Andalucía onde "está todo aberto".
Relacionadas:
-
Carmela Silva sitúa á Deputación de Pontevedra como "a referencia da loita pola Igualdade"
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva considera "terrible" que candidatas do PP estean dispostas a pactar con Vox
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Luis Bará, deputado do BNG: "O PP e Vox son a mesma cousa"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |