O BNG cre que "é hora" de debater a "supresión da monarquía"
Por Oskar Viéitez
O Bloque Nacionalista Galego advertiu de que "é hora" de debater a "supresión da Monarquía", polo que avanzou que levará esta proposta a todas as institucións nas que teña representación. É o caso do concello de Marín onde o BNG acaba de anunciar que presenta unha moción neste sentido para debater o futuro desta institución "herdeira do franquismo".
Esta iniciativa enmárcase nunha "campaña de contestación" dos nacionalistas á Constitución porque "nega os dereitos nacionais" e criticará o "relato autocomplaciente das forzas estatais, tanto de esquerda como de dereitas".
A moción presentada en Marín persegue que a corporación municipal se pronuncie a favor da supresión da monarquía, "por ser unha institución anacrónica e antidemocrática", e aposte por un sistema democrático e republicano.
A este pronunciamento engade o "recoñecemento de Galicia como nación e, por tanto, dos dereitos colectivos inherentes, moi especialmente do dereito de autodeterminación".