Tres persoas resultaron feridas nun accidente en Marcón
Por Oskar Viéitez
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a tres persoas que resultaron feridas a causa dun accidente múltiple na PO-542, na parroquia pontevedresa de Marcón, no lugar da Ermida.
Ademais, unha furgoneta implicada no sinistro ardeu por completo, o que obrigou a intervir aos Bombeiros de Pontevedra para sufocar o incendio.
Foron varios os condutores que se puxeron en contacto co 112 Galicia ás 7:30 horas deste luns para informar dun accidente con tres vehículos implicados, dos cales un estaba en chamas. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, pediuse a colaboración dos efectivos do parque de Pontevedra co fin de atallar as lapas que devoraron por completo o vehículo.
Segundo a Garda Civil estiveron implicadas dúas furgonetas e un turismo. A estrada estivo cortada ata as 8.45 horas. Os axentes fixeron probas de alcol e drogas aos condutores implicados resultando ambas negativas.
Pola súa banda, o equipo do 061-Urxencias Sanitarias trasladado ao lugar do accidente atenderon a tres persoas que presentaban lesións de diversa consideración.
Do mesmo xeito, foi necesaria a mobilización do persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para a retirada dos danos provocados polo impacto e para restablecer as condicións de seguridade na vía.