José Sanmartín aposta por "cambiar a vida da xente" desde a alcaldía de Barro
Por Redacción
O centro cívico de Barro acolleu este sábado a presentación oficial de José Sanmartín como candidato á alcaldía de Barro.
Baixo o lema "Barro por Diante", o actual tenente de alcalde volve poñerse á fronte do grupo socialista municipal "para seguir traballando polo concello" pero co obxectivo de facelo desde a Alcaldía, encabezando unha proposta de traballo "que mellore Barro desde unha perspectiva social".
"A política son sentimentos, temos que emocionarnos porque cambiamos a vida da xente", asegurou Sanmartín, que sinalou que a política que están a levar a cabo os socialistas desde o goberno de coalición "é transversal, coas persoas no centro".
Sanmartín amosouse convencido de liderar un novo goberno de esquerdas para o vindeiro mandato no que se traballará pola consecución de melloras para o concello. "Hai que seguir traballando para reverter os anos de inacción e de estancamento nos que o goberno do Partido Popular sumiu ao concello de Barro ao longo dos máis de trinta anos de goberno do popular Landín Eirín", asegurou o candidato socialista.
Na súa intervención Sanmartín destacou os compromisos cumpridos durante este mandato e a boa xestión levada adiante polo grupo socialista nos últimos anos de goberno conxunto con BNG.
O candidato estivo acompañado polo líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, que afirmou que "hai unha vaga progresista que percorre España e Galicia, e que lidera Pedro Sánchez" como presidente do Goberno.