O BNG acusa a Telmo Martín de "capitanear a privatización do porto de Portonovo"
Por Redacción
O grupo municipal do BNG de Sanxenxo expresou o seu rexeitamento ao anteproxecto de reforma do porto de Portonovo presentado esta semana polo alcalde Telmo Martín e que, segundo as estimacións do rexedor popular, superaría os 20 millóns de euros.
Para os nacionalistas "Martín está a capitanear a privatización do porto de Portonovo" e aseguran "pretende unha macroinversión pública nunha zona na que o Concello non ten competencias, para repartir logo o pastel en beneficio de sectores privados".
Nun comunicado o Bloque enmarca esta "nova ofensiva" de campaña de Telmo Martín e o Partido Popular nunha "coñecida estratexia de fogos de artificio e moito ruído" retomando unha proposta electoral do ano 2015 "e agora vende como proposta estrela para as eleccións do 2019 para poñer patas para arriba a zona portuaria de Portonovo".
Un dos aspectos deste proxecto que máis preocupa ao BNG son os recheos exteriores pretendidos no espazo portuario"roubándolle terreo ao mar sen pensar nas consecuencias" xa que, segundo advirten, "terán un gran impacto ambiental, con cambios nas correntes que afectarían á deposición da area tanto da praia de Silgar como a praia de Portonovo".
Neste sentido lembran o "precedente da influencia que o porto de Sanxenxo tivo na praia da Carabuxeira que aínda está pendente de rexenerar por valor de 1 millón de euros".