Os pacientes son protagonistas no Congreso Anual da Sociedade Galega de Reumatoloxía
Por Oskar Viéitez
O Hospital Provincial de Pontevedra acolle este sábado unha xornada de entrada libre e de balde para pacientes no marco do Congreso Anual da Sociedade Galega de Reumatoloxía, que este ano organizan os profesionais do servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, referiuse as enfermidades reumatolóxicas como un importante problema de saúde tanto para o individuo que o sufre, como para o sistema sanitario e a sociedade no seu conxunto, dado que as enfermidades reumatolóxicas supoñen aproximadamente un 5% das incapacidades sanitarias en España.
Así o remarcou este sábado na inauguración do congreso onde ademais incidiu na importancia de "evitar o antes posible a súa progresión ou cando menos poder ralentizala, buscando a súa remisión a longo prazo e así prolongar, o maior tempo posible, unha mellor calidade de vida para o paciente".
O obxectivo é enviar unha mensaxe positiva ás persoas afectadas por unha enfermidade reumatolóxica, de aí que o lema da sesión sexa ‘Hai vida máis alá da enfermidade’. Así mesmo, o servizo de Reumatoloxía outorga un papel protagonista aos pacientes mediante un formato innovador, varias mesas redondas nas que participarán todos os axentes implicados na atención ao doente e nas que os pacientes poderán achegar as súas experiencias vitais, amosando como afrontaron a súa patoloxía e como superaron o diagnóstico.
A xefa de servizo de Reumatoloxía, a doutora Susana Romero, explica que "o paciente non só é unha patoloxía, é un ser humano que ademais de sufrimento físico, se a enfermidade non se controla de maneira axeitada, sofre no ámbito emocional e social. A atención en termos de excelencia obriga a unha abordaxe holística de todas as esferas afectadas na enfermidade".
Por primeira vez se leva a cabo unha sesión na que se achegarán diferentes puntos de vista dende distintos ángulos e na que se tratarán enfermidades como a artrite, espondiloartrite, lupus sistémico e artrite idiopática xuvenil, entre outras. Participarán así nesta xornada tanto persoal sanitario do servizo de Reumatoloxía como reumatólogos, persoal de enfermaría e auxiliar de clínica da especialidade, ademais de pacientes e asociacións de pacientes, a dirección da área sanitaria e a Consellería de Sanidade.
A xefa de servizo de Reumatoloxía entende que "a abordaxe das patoloxías reumáticas é un traballo en equipo onde todos os axentes xogamos un importante papel no obxectivo común que é a mellora da calidade de vida dos pacientes". Neste senso, a doutora Susana Romero sinala que "é fundamental" que a poboación detecte os primeiros síntomas e reciba o tratamento axeitado de forma precoz, "posto que isto logra o control da enfermidade e evita o dano estrutural e a discapacidade".
XORNADA PARA REUMATÓLOGOS
O Congreso Anual da Sociedade Galega de Reumatoloxía celebra tamén unha xornada dirixida a profesionais a que acudiron reumatólogos procedentes de toda a comunidade galega, pero tamén de Cantabria, Álava, Madrid e León.
Na convención se abordarán diversos temas clínicos que están centrados na actualización de coñecementos en diversas patoloxías, en investigación e sobre o emprego de novas tecnoloxías na formación de reumatólogos.
As patoloxías reumáticas son a primeira causa de discapacidade entre a poboación e supoñen un alto consumo de recursos. Teñen unha alta prevalencia, pois se ben se indica que unha de cada catro persoas ten unha doenza reumática, os últimos estudos amosan que un 33% as padecen en calquera rango de idade dende o nacemento.