Ponte Caldelas prende a súa iluminación de Nadal
Por Redacción
Coa cerimonia de acendido, Ponte Caldelas estreou este venres a súa iluminación de Nadal, que adornará a vila do Verdugo ata o día de Reis. Un despregue que inclúe un total de 96.052 puntos de luz repartidos pola práctica totalidade das rúas do centro urbano.
O equipo de goberno apostou por tecnoloxía led de última xeración coa colocación de arcos sobre as rúas, motivos ornamentais nos farois, tres arcos de Boas Festas nas principais entradas á vila e, finalmente, unha árbore de luz branca na praza do Bispo.
A empresa Electromiño foi a encargada da montaxe e do deseño. É unha instalación que tan só supón un consumo de 6 kw/hora, é dicir unha potencia non moi superior á contratada habitualmente nunha vivenda unifamiliar.
O goberno local confirma tamén que Ponte Caldelas volverá acoller, por cuarto ano consecutivo, a celebración da gran Festa de Fin de Ano coa instalación dunha carpa sobre a praza de España. As obras que se están a acometer na praza marchan a moi bo ritmo e todo indica que o groso da obra civil (agás mobiliario, remates e a fonte lúdica) estará dispoñible para o próximo día 20.
Por outra banda, a estrea da iluminación de Nadal preludia o comezo do concurso gastronómico Caldelas Tapas Quentes, que se vai celebrar todos os venres do mes de decembro, comezando xa a próxima semana. Este ano participan 12 locais que servirán tapas moi variadas ao prezo único de 2,50 euros, un prezo que inclúe tamén a bebida.
Relacionadas:
-
Un adorno luminoso completa a decoración do Nadal en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O "Decembro Solidario" de Ponte Caldelas acolle o teatro musical de Os Catro Ventos
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas mantén a festa de Noitevella na praza de España
Por Redacción |
-
As tapas convértense en protagonistas nas noites de venres en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas ofrece aos seus maiores un programa para non pasar sós o Nadal
Por Redacción |