Marín recibe axuda da Deputación para mellorar Ezequiel Massoni mentres agarda pola estrada de Aguete
Por Oskar Viéitez
O goberno local do Concello de Marín espera que o Plan Concellos da Deputación poida financiar as obras de asfaltado no viario de praias correspondente ao tramo de Aguete que, ademais da pavimentación do viario inclúen o pintado e sinalización coa supresión barreiras arquitectónicas,
A día de hoxe este tramo da estrada atópase en mal estado. Segundo informou o Concello, para poder executar estas obras solicitáronse os permisos e autorizacións necesarias e procedeuse por parte da xunta de goberno local á aprobación do proxecto e á solicitude da súa inclusión dentro de devandito plan provincial.
O paseo marítimo de Aguete forma parte da estrada Marín-Aguete, coñecida como "vial de praias", cunha importante concorrencia e moi utilizado en calquera época do ano.
RÚA EZEQUIEL MASSONI
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o primeiro investimento para Marín con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019, unha vez aberto o prazo o pasado 1 de novembro para a presentación de proxectos, que rematará o próximo 31 de decembro.
Serán 132.139,19 euros cos que o concello de Marín poderá financiar a pavimentación da rúa Alcalde Ezequiel Massoni. A actuación contempla a reparación necesaria para rehabilitar superficial e estruturalmente o firme da calzada da rúa, corrixindo as deficiencias de regularidade de superficie mediante técnicas combinadas de eliminación, fresado e recrecemento e repoñendo a capa de rodaxe.
Ademais, a obra tamén inclúe a adaptación dos rexistros dos servizos municipais e sumidoiros á nova rasante e a repintura da sinalización horizontal. En total, a superficie de actuación será de 8.757,97 metros cadrados.
Co Plan Concellos 2018 xa rematado para a vila, Marín recibiu un total de 1,7 millóns de euros, un 72,5% máis que no 2017.
Relacionadas:
-
Marín colocará xardineiras en Ezequiel Massoni para evitar estacionamentos irregulares
Por Redacción |
-
Marín pecha o Plan Concellos cunha aportación para camiños no rural
Por Oskar Viéitez |
-
Silva e Ramallo apostan pola "boa relación institucional" coa mellora de Concepción Arenal e do Parque Eguren
Por Redacción |