Desarticulan unha banda de ladróns de Ferrol que roubaba en toda Galicia e chegou a Pontevedra
Por Redacción
Unha operación conxunta da Garda Civil e a Policía Nacional en Ferrol permitiu a detención de catro persoas sospeitosas de numerosos roubos con forza en establecementos comerciais e de hostalería cometidos na cidade de Pontevedra. Os investigadores consideran que se trata dunha banda organizada e atribúenlle especialmente delitos cometidos en Ferrolterra, pero tamén noutros puntos de Galicia.
A operación, bautizada Zafira-Monovolume, desenvolvérona efectivos do Grupo de Patrimonio da Brigada de Policía Xudicial da Comisaría Policía Nacional de Ferrol-Narón e do Equipo ROCA da Garda Civil de Ferrol baixo a supervisión do Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol.
En concreto na cidade de Pontevedra responsabilízaselles dun roubo nunha lavandería e outro nunha pastelería o pasado mes de setembro, pero o resto de roubos investigados son previos. En xullo detectouse un considerable incremento de roubos con forza en establecementos de hostalería das localidades de Fene, Pontedeume, Miño, Ferrol e Narón e en agosto unha serie de roubos con forza en bares, cafeterías, zapaterías e farmacias das localidades de Fene, Ares, Cabanas, Monfero, Ferrol, Narón, A Coruña e Lugo.
Trátase dun grupo organizado radicado en Ferrolterra composto por dous homes e dúas mulleres. Os homes eran os encargados de acceder aos establecementos sempre empregando a forza e xa no interior, valíanse dunha maza para fracturar as máquinas comecartos e rexistradoras, subtraendo os caixetíns que posteriormente abandonaban en distintos lugares durante a súa fuxida. As mulleres participaban aleatoriamente nun ou outro roubo, nunca xuntas, conducindo os seus propios vehículos ata os lugares de comisión delituosa e facendo labores de vixilancia mentres se perpetraba os roubos.
As detencións leváronse a cabo en dúas fases. Na primeira delas detívose ás dúas mulleres: P.L.F. de 32 anos con nove detencións previas e a A.M.L.S. de 25 anos con trece detencións previas, e ao home I.B.D.F. de 33 anos con trinta e oito detencións previas, todos eles nados en Ferrol. Na segunda fase esperouse á chegada do cuarto implicado que se atopaba en Alemaña, D.P.M. de 24 anos nado en Pontedeume con catorce detencións previas, sendo detido o pasado mércores 28, cinco semanas despois que o resto.
Os catro implicados suman un total de 74 reseñas policiais polas que foron detidos, das cales 47 están asociadas a roubos con forza. O Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol decretou o ingreso en prisión de dous deles, I.B.D.F e D.P.M.