O éxito do workshop de Rías Baixas anima a repetilo nunha cidade europea
Por Alejandro Espiño
Máis de 120 encontros directos e varios acordos pechados. É o balance do workshop celebrado en Barcelona entre empresas turísticas das Rías Baixas e compañías catalás. Ante este éxito os seus organizadores, a Deputación de Pontevedra e o Clúster do Turismo de Galicia, confirmaron que se celebrarán novas edicións. Iso si, cambiando o destino.
Aínda que non quixeron desvelar onde será o segundo workshop, Carmela Silva si adiantou que será unha cidade europea que teña conexión directa co aeroporto de Vigo e que será elixida polo propio sector.
A de Barcelona era a primeira vez que se realizaba un evento como este fóra da provincia e, segundo Silva, "foi un éxito rotundo". Isto demostra, engadiu, que a cooperación e o traballo conxunto entre a administración e o sector privado "son a clave para potenciar o noso destino".
A presidenta reivindicou a necesidade de traballar conxuntamente co Clúster do Turismo de Galicia para "sumar sinerxías" e lograr que o sector turístico da provincia "sexa máis potente, máis forte e con máis capacidade de innovar e de posicionarse".
Así, a próxima semana vai ter lugar unha sesión de avaliación do Clúster e de Turismo Rías Baixas para facer unha valoración máis detallada dos participantes do workshop en Barcelona, así como suxestións de cara a futuras iniciativas.
O obxectivo será avanzar en propostas que contribúan a atraer ás Rías Baixas un turismo sostible, de calidade, desestacionalizado, non só da costa senón tamén do interior, e ademais, cunha aposta forte pola internacionalización.
Pola súa parte, o presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, coincidiu en que a cooperación público-privada "é a clave para potenciar o destino Rías Baixas" e animou ao resto das deputacións galegas para que "comecen a traballar no mesmo sentido".
Carmela Silva tamén adiantou que en Barcelona se pechou o acordo para que a Deputación participe, por vez primeira, no Fórum Gastronómico, que se celebrará na cidade da Coruña en marzo de 2019. É un evento "fundamental", segundo a presidenta, "para poñer en valor o noso produto, a calidade dos nosos chefs e todo o noso territorio como destino gastronómico".