O pleno da Deputación enlámase cun cruzamento de acusacións de acoso
Por Oskar Viéitez
O pleno da Deputación de Pontevedra arrancou este venres cun emotivo discurso sobre as vítimas da violencia machista pronunciado pola xornalista e escritora Monste Fajardo e que foi premiado polos aplausos da corporación que, poucos minutos despois, enlamou o debate da sesión plenaria con acusacións cruzadas de acoso.
Fajardo relatou unha serie de historias reais de mulleres con distintas orixes, formación, contorna laboral que teñen en común o ser vítimas de violencias machistas tentando deixar claro que non existe un perfil de maltratada, destacando que a maioría dos maltratadores gozan de impunidade xa que hai unha certa empatía e comprensión social con eles que mesmo lles desculpa.
Esta dura mensaxe pronta quedou opacada pola política.
No transcurso do debate dun dos asuntos da orde do día, a presidenta Carmela Silva interrompeu ao orador para dicir que "la próxima vez que algún otro miembro de la corporación se dirija a usted señalándola con el dedo tomaré medidas".
Referíase ao alcalde de Redondela, o popular Javier Bas quen supostamente apuntou co seu dedo á deputada socialista, Digna Rivas.
"Me parece inconsentible esta situación de acoso a la que le somete en cada pleno", dixo a presidenta.
A descrición deste comportamento como acoso suscitou a protesta da bancada do Partido Popular cuxo portavoz, Ángel Moldes, solicitou a retirada desa referencia "desafortunada e grave" da acta da sesión argumentando que "es frivolizar con la situación que viven aquellas personas que sufren esa lacra". Carmela Silva negouse a retirar a palabra acoso e "expresamente" pediu "que conste en acta" tal termo.
Non quedou aquí a polémica porque, noutro momento do debate, a coportavoz do Partido Popular, Elena Muñoz estaba a intervir cando denunciou "las mofas del señor Rivas" e reprochou á presidenta que non interviñese no seu defensa fronte aos acenos do socialista Ángel Rivas.
"A este acoso usted asiste impasible", dixo Elena Muñoz, que engadiu "¿qué pasa que cuando lo sufre una diputada del Partido Popular no dice nada?. Ese es el sectarismo. Para usted hay mujeres buenas y mujeres malas por su color político".
Elena Muñoz criticou a continuación á presidenta da Deputación por instrumentalizar ao seu favor a causa feminista.
A controversia terminou aquí porque nunha nova intervención Carmela Silva pediu ao grupo socialista "que no entre", xa que "tenemos clarísimo qué es lo que se pretende en este pleno".