Un 'tourlapse' para promocionar Pontevedra a partir de 75.000 fotografías
Por Alejandro Espiño
Máis de dous anos de traballo. É o tempo que dedicou o pontevedrés Álex Rodríguez a un proxecto que define como "un dos máis especiais" que fixo nunca: un 'tourlapse' da súa cidade, Pontevedra.
Este profesional do mundo audiovisual está especializado na técnica do 'timelapse', que consiste en mostrar en captar fotografías ou vídeos dun mesmo lugar a determinados espazos de tempo e que, posteriormente, únense en postprodución para lograr un efecto de cámara rápida, mostrando escenas que suceden xeralmente a velocidades moi lentas.
O traballo comezou planificando, entre maio e outubro de 2016, este proxecto co que buscaba crear unha ferramenta para que turistas que non coñecesen a cidade, especialmente na área de Hong Kong e China onde el traballa, puidesen "descubrir Pontevedra".
Así, Pontevedra converteuse segundo Rodríguez nun "laboratorio" no que foi experimentando con varias técnicas relacionadas co 'timelapse' ou o 'hyperlapse', chegando a crear incluso un aparello para crear movementos de cámara motorizados.
Unha vez recollidas as 75.000 fotografías que conforman este proxecto, Álex Rodríguez iniciou a "ardua" tarefa de procesar as imaxes e convertelas en vídeo, un proceso que lle levou meses de traballo para poder editalas.
Este proxecto permitirá que as persoas que o vexan, a través das axencias de viaxes ou da plataforma YouTube, poidan facer un "circuíto" por Pontevedra dunha maneira "moi dinámica e atractiva", co obxectivo de que se animen a coñecela en persoa.