A Fiscalía abre dilixencias pola clausura da residencia Valle Inclán
Por Redacción
A Fiscalía Provincial de Pontevedra acaba de incoar dilixencias de investigación penal en relación á clausura da residencia de maiores de Valle Inclán de Vilanova de Arousa.
Segundo deu a coñecer a Xunta de Galicia, a Fiscalía puxo no seu coñecemento a apertura de dilixencias de investigación penal unha vez que a vía administrativa xa chegou ao seu fin e tamén que o caso está en mans da Fiscalía Provincial de Pontevedra e non do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) porque é a competente na materia.
O TSXG avalou o cese da actividade deste centro despois da desestimación dos recursos da empresa responsable do mesmo e a Xunta lembra que está obrigada a aplicar esta sentenza.
O 26 de outubro rematou o prazo establecido para que a residencia pechase as súas portas, finalizando así o proceso de inspección seguido pola Xunta de Galicia, que asegura que respectou todos os procedementos máis garantistas, tal e como certifican os autos xudiciais. Ese mesmo día, informou á Fiscalía da resolución de peche e das irregularidades detectadas pola inspección.
Ademais, a Xunta indica que o día 2 de novembro notificóuselle o centro o seu peche e, ao longo dos días seguintes, a Xunta púxose en contacto coas familias para informarlles de todas as alternativas residenciais existentes para atender ás persoas maiores que residen nela.
Segundo indicou a Xunta, o fiscal asume o caso coa información que lles facilitou esta administración. Ademais, recorda que continúa a traballar para dar unha solución aos usuarios deste centro, polo que continúa a tramitar a valoración de tódolos internos de cara a poder resolver o problema das familias e das persoas que necesitan dunha nova residencia.