O PP critica que a Deputación "só vende fume" xa que non ten "obras propias"
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular criticou ao goberno da Deputación de Pontevedra porque "só vende fume" xa que non ten "obras propias".
Os deputados populares Ángel Moldes e Belén Cachafeiro sinalaron en rolda de prensa que despois de tres anos e medio de mandato "o goberno de Carmela Silva non deixa ningunha pegada boa nesta provincia", polo que conclúe que foron "incapaces de xestionar os recursos provinciais".
O voceiro do PP provincial, Ángel Moldes, afirmou que no goberno bipartito "están máis pendente dos titulares e do postureo, que en xestionar e plasmalas en investimentos reais".
Neste sentido destacou que "hai dúas formas claras de gobernar", a do Partido Popular cando "había realidades en cada recuncho desta provincia" e a do actual executivo provincial na que "só hai roldas de prensa e cifras en titulares".
Moldes denunciou que con este goberno provincial "os proxectos non saen adiante" e asegurou que este ano "máis da metade do orzamento quedará sen executar".
Os deputados do Partido Popular adiantaron que no pleno provincial deste venres debaterase a prórroga de oficio do Plan Concellos do ano pasado, criticando que a Deputación non aproba os proxectos "e o tempo se bota enriba dos concellos para executalos", unha situación que xa denunciaron algúns alcaldes.
Os populares tamén sinalaron que a Deputación só gastou o 35% do orzamento dispoñible para obras en estradas provinciais e sumaron a esta "falta de xestión" o plan de bolseiros nas oficinas de turismo "que foi un fracaso" ou o plan de prácticas laborais que aínda non se convocou.
Relacionadas:
-
O PP denuncia o impacto para a mocidade de Pontevedra da paralización do Plan de Práctica Laboral da Deputación
Por Redacción |
-
Carmela Silva, ao PP: "Nós non somos caciques. Non facemos obras só onde temos intereses"
Por Alejandro Espiño |
-
O pleno da Deputación, cos votos do PSOE e o BNG, aproba o orzamento para 2019
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |