A Fiscalía acusa de estafa ao propietario de Armarios Alonso e pide para el catro anos de cárcere
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o martes 28 de maio o xuízo contra o propietario da empresa de Sanxenxo, Armarios Alonso, por estafa e falsedade.
O acusado, José María A.G. como representante único da empresa Armarios Alonso S.L., formalizou o día 14 de xaneiro de 2005 co Banco Etchevarría, ante notario, unha póliza de asunción de responsabilidade e afianzamento de operacións mercantís para o desconto de efectos mercantís entregados como medio de pago e abono anticipado de facturas emitidas por Armarios Alonso con cargo aos seus clientes.
Segundo a Fiscalía, en base a esa póliza, José María, "coa finalidade de obter diñeiro en efectivo, sabendo que nada lle debían e sen consentemento das mesmas", elaborou unha serie de "facturas ficticias" de clientes anteriores da súa empresa que devolveron os recibos.
Con todo o Banco Etchevarría abonou ao acusado catro anticipos destas facturas ficticias por un total de 58.078 euros.
A Fiscalía sostén que os feitos son constitutivos dun delito continuado de estafa e outro delito continuado de falsedade dos que o acusado sería responsable en concepto de autor e polos que pide a pena de catro anos de prisión e multa de 10 meses a razón de 10 euros por día.