Un falso traballador de Fenosa tenta estafar a empresarios e veciños de Pontevedra coa ameaza dun corte no subministro
Por Oskar Viéitez
O propietario dun establecemento hostaleiro do centro histórico de Pontevedra denunciou este mércores ante a Policía Nacional un intento de estafa por parte dun falso responsable de Fenosa que lle esixiu telefonicamente o pago dunha factura.
O estafador ameazaba co corte da luz no establecemento se en dez minutos non se ingresaban 1.100 euros que, segundo lles dicía, estaban debidos pola falta de pagamento dun recibo.
O empresario recibiu numerosas chamadas nesa escasa marxe de tempo por parte deste individuo que apremaba a realización dunha transferencia polo importe desa débeda ata que o afectado pediu garantías sobre a identidade do seu interlocutor e anuncioulle que acababa de chamar á policía, momento no que o estafador cortou a chamada.
O empresario puxo os feitos en coñecemento da Comisaría.
Desde a Policía Nacional lembraron esta non é a forma de proceder en ningunha compañía eléctrica nin tampouco en ningunha outra administración pública para reclamar o cobro dunha débeda. No caso das subministradoras da luz están obrigadas a dar un prazo para realizar o pago e sempre notificándoo.
Na Comisaría tiveron coñecemento doutros afectados por esta estafa en diferentes puntos do municipio. A maneira de actuar deste individuo é sempre similar, salvo que nalgunhas ocasións acode persoalmente aos domicilios particulares para buscar ás súas vítimas coa mesma ameaza dun corte na subministración.
Por parte da empresa Naturgy, antes Gas Natural-Unión Fenosa, comunicaron que deixaron de facer visitas comerciais polo que "se un comercial de Naturgy chama á túa porta é porque sodes familia ou lle falta sal".