Decembro en Galicia, beléns de interese turístico e moito máis
Por Redacción
Decembro é un mes perfecto para comprobar por que cada vez son máis as persoas que escollen Galicia, fóra de tempada alta. E tamén a provincia de Pontevedra, que aglutina ao redor do 40% dos viaxeiros que chegan á comunidade.
Desde principios de decembro xa se poden visitar varios dos seus beléns do Nadal dentro da singular ruta pola Galicia máis rural e urbana, a máis cosmopolita e a máis tradicional.
Desde o 2 de decembro e ata mediados de xaneiro está aberta a visita ao Belén Artesanal de Valga, unha das máis de 120 Festas de Interese Turístico de Galicia. Trátase dunha das composicións de Nadal máis espectaculares da nosa comunidade, tanto polas súas dimensións como por incorporar tamén elementos da actualidade: escenas locais da zona, personaxes ilustres do municipio, de Galicia e do resto de España. Gran parte das súas figuras están en movemento e destaca polo carácter popular e participativo desta festa, na que se implican gran parte dos veciños.
Na provincia de Pontevedra, tamén é indispensable tamén facer parada, entre outros, no Belén da Catedral de Tui, que este ano ten prevista a súa apertura para mediados de decembro. Está situado xunto ao retablo da Expectación e inclúe a exposición Beléns do Mundo na Capela das Reliquias.
O visitante pode continuar esta singular ruta contemplando o Belén Electrónico de Begonte, na provincia de Lugo, tamén declarado Festas de Interese Turístico de Galicia. É importante polas súas pezas artesanais e mecanismos, con figuras que se renovan cada ano e son realizadas de modo artesán polos veciños. Curioso é tamén o seu museo, que inclúe o primeiro mecanismo que movía esta estrutura nos 70, e tamén as antigas pezas que van sendo retiradas.
Nesa mesma provincia lucense é indispensable visitar o Belén Xigante de Viveiro, a escala natural, e en Ourense é un clásico o do escultor Arturo Baltar, con figuras de barro cocido e policromado. Xunto a eles, na Coruña non falta o Belén da Gran Obra de Atocha, a escala do mapa de Xerusalén; en Betanzos, o do Liceo, con narración gravada e figuras en movemento; ou en Ferrol, o Belén da Orde Terceira, que presenta un enorme portal con máis de 200 figuras tamén en movemento. En Santiago de Compostela destacan, por exemplo, o belén familiar de Conxo, instalado na casa dos seus impulsores, ou o da igrexa de San Fiz, entre outros.
Decembro é tamén unha época perfecta para saborear especialidades gastronómicas de tempada, descansar nas súas contornas rurais e balnearios, comprar artesanía galega para sorprender con agasallos orixinais ou mesmo vivir inesquecibles experiencias de turismo activo nos parques naturais.
Gran parte das casas de turismo rural distinguidas coa Q de Calidade en toda España están en Galicia, e que mellor que descubrilo nestas datas, ás portas do inverno.
Son estes os últimos días para gozar da iniciativa Outono Gastronómico en Turismo Rural, que ata o 16 de decembro ofrece unha perfecta combinación da gastronomía máis auténtica, con menús especiais e aloxamento nos preto de 90 establecementos rurais participantes en toda Galicia, dos que 25 están na provincia de Pontevedra. O seu éxito está avalado polas case 60.000 persoas que participaron nas 11 edicións anteriores.
Gozar da natureza nestas datas tamén é posible nas inmensas paraxes naturais galegas con orixinais experiencias en kaiak, percorridos de sendeirismo ou rutas en bicicleta. Pero tamén con propostas de espeleoloxía, enoturismo ou con cursos de fotografía paisaxística ou de avistamento de aves. Os seis parques naturais da Comunidade galega ofrecen estas apaixonantes propostas. No caso do Parque Natural do Monte Aloia as opcións pasan por facer rutas a trote de a cabalo polo Aloia, escaladas en travesía ou pádel surf no Río Miño.
Xunto ao percorrido polos beléns máis tradicionais e singulares de Galicia, tamén son datas perfectas para as compras. Especial será a oferta da artesanía galega nos numerosas feiras ou mercados repartidos polas catro provincias con artesáns, produtores, comerciantes e restauradores, que exhibirán e venderán os seus produtos, pezas e coleccións de decoración e produtos de Nadal. As actividades culturais para toda a familia con música, teatro, xogos, talleres e concursos completan a oferta.