Once locais das Galería da Oliva acollen a Sétima Feira de xeito provisional
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Por mor das obras de reforma do primeiro andar do mercado de abastos, a Sétima Feira terá unha ubicación alternativa: as Galerías Oliva. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, acompañada pola presidenta da Asociación de Comerciantes Galerías Oliva, Pili González, deu conta este mércores do regreso e traslado provisional deste evento.
Once locais das Galerías Oliva acollerán ao xa consolidado mercado de deseño e arte de Pontevedra dende o vindeiro 21 de decembro até o 5 de xaneiro. Os postos estarán abertos en horario comercial. Neste tempo haberá cinco citas Sétima Feira, a primeira delas o mesmo día 21: un concerto, ás 20.00 horas.
As outras catro serán os días 24 de decembro (actividades infantís durante toda a mañá e sesión vermú), 27 de decembro (obradoiros infantís e actuación musical), 29 de decembro (obradoiros infantís e actuación musical) e 4 de xaneiro (actuación musical)
Aos obxectivos xenéricos de Sétima Feira de dar visibilidade ao potencial creativo de Pontevedra e promocionar o seu comercio local,engádese nesta ocasión o interese en revitalizar este céntrico e emblemático espazo comercial da cidade castigada, como outras, pola crise e tamén pola falta de renovación de negocios clásicos.
A cambio de ocupar os once locais cedidos polos propietarios a custe cero, as persoas elixidas para participar na Sétima Feira "teñen que deixar algo" nas Galerías Oliva, indicou a concelleira Anabel Gulías e ese algo vai a ser un amplo abano de actividades de dinamización: obradoiros infantís, concertos, exhibicións... que conviden á xente a achegarse e a comprar.
Os interesados en parrticipar na Sétima Feira deberán remitir as súas propostas ao enderezo: setimafeira@pontevedra.gal Co novo ano e xa co primeiro andar do mercado de abastos reformado, Sétima Feira regresará a súa sede habitual.