Persoas con discapacidade piden accesibilidade universal nos edificios: "Queremos unha casa, non un cárcere"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Queremos unha casa, non un cárcere". O berro resoou este mércores na praza de Ourense de Pontevedra e, de forma simultánea, en 37 puntos de España, entre eles, Santiago de Compostela, A Coruña, Muros, Boiro, As Pontes, Ourense, Lugo, Monforte de Lemos e Vigo.
Formaba parte dun acto reivindicativo da Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) para demandar unha mellora da accesibilidade de todos os edificios de vivendas.
En Pontevedra a concentración organizouna a asociación Amizade, integrada na Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), para demandar que se poña fin a unha situación de discriminación que atravesan algunhas persoas con discapacidade que, sen ter cometido delito algún, non poden saír das súas casas por falta de accesibilidade.
Varias decenas de persoas secundaron a concentración, boa parte delas en cadeiras de rodas nas que se desprazan e coas que atopan dificultades de acceso en máis do 75% dos edificios da cidade. A cifra é similar en todas as cidades e motivou que este mércores saísen á rúa para reclamar cambios.
O presidente de Amizade, Paulo Fontán, considera "lamentable" que a día de hoxe só o 25% das persoas con discapacidade teñan certas garantías para poder saír e entrar do seu propio domicilio con certa autonomía, a pesares de que en decembro de 2017 se aprobou unha lei que debería garantir que todos os bens, produtos e servizos sexan accesibles para todas as persoas con discapacidade.
Segundo asegurou, "atopamos moitas persoas que realmente hoxe en día están condenadas a non poder saír da súa casa" tanto porque as rampas de acceso aos inmobles non cumpren coas condicións que deberían para garantir ese dereito como por causas "máis graves" como, por exemplo, que a comunidade de veciños non acepta o investimento necesario para construír un ascensor. Mesmo se teñen dado casos de persoas que tiveron que cambiar de vivenda para poder ter certa autonomía para deixar a súa casa.
Fontán recoñece que hai algunhas axudas autonómicas para garantir estas obras de accesibilidade, pero indica que, como sucede con outras convocatorias de subvencións, "son escasas" ou están condicionadas por requisitos que moitas veces é imposible cumprir. O resultado é que a capacidade económca dos veciños dun edificio impide que se poida acondicionar a accesibilidade doutras persoas que vivan no mesmo.
Para rematar con esas situacións, puxeron en marcha a campaña #Arrestópolis, en referencia a aqueles edificios onde a falta de accesibilidade obriga a persoas con discapacidade a permanecer fechadas nas súas propias casas en contra a súa vontade. A campaña leva por lema 'A miña casa non é a miña cárcere'.