Denuncian á dona de dous cans soltos que mataron dez galiñas dunha veciña
Por Redacción
A Policía Local de Poio denunciou unha veciña de Poio por dúas presuntas infraccións por ter aos seus cans soltos e sen chip tras confirmar que os seus animais foron os responsables de matar dez galiñas dunha das súas veciñas.
Os feitos remóntanse ao pasado mes de outubro, cando unha veciña de Campelo requiriu a presenza na súa casa da Policía Local e relatou que dous cans entraran no seu galiñeiro e mataran dez galiñas. Trasladados ao lugar dos feitos, os axentes comprobaron que xa non se atopaban os cans, pero solicitaron testemuños dos veciños.
Así, as testemuñas manifestaron que habitualmente os cans andaban soltos polo lugar e precisaron que un deles era de raza perigosa e o outro mestizo.
Un mes despois, os policías, en coordinación cos responsables da protectora de animais de Poio, lograron pescudar a identidade da propietaria dos cans e entrevistáronse con ela.
A dona manifestou ter recollido os cans da rúa, un aproximadamente hai seis meses e o outro hai catro meses. Tívoos unha tempada na súa casa, pero escapáronselle en repetidas ocasións e decatouse de que mataran as galiñas dunha veciña, de modo que pediu ao Concello que llos recollese e os entregase na canceira.
A muller confirmou aos axentes que os seus cans foran os responsables de matar ás galiñas, de modo que procederon a denunciala. Ademais, agora deberá facerse cargo do custo das galiñas mortas.
A Policía Local de Poio lembra que os propietarios deben facerse cargo dos seus cans, custodialos e atendelos debidamente, así como telos ao día segundo a normativa vixente.