Unha condutora arrastra varios metros a un axente de Tráfico que acaba de multala e dáse á fuga
Por Natalia Puga
Unha veciña de Ourense de 51 anos foi denunciada como suposta autora dun delito de atentado a axente da autoridade pola reacción que tivo cando un axente da Garda Civil de Tráfico denuncioulle por exceso de velocidade. Tomoullo mal, arrastroulle co coche durante uns 25 metros e acabou dándose á fuga.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde deste xoves na estrada PO-221, ao seu paso polo termo municipal de Moraña. Unha patrulla do Subsector de Tráfico de Pontevedra establecera un control de velocidade con radar e detectouna conducindo a 70 quilómetros por hora nunha zona limitada a 50.
Un axente deulle o alto ao vehículo Volkswagen que conducía esta muller para entregarlle unha copia da denuncia por exceso de velocidade e foi nese momento cando a muller agarrouno pola manga do uniforme e iniciou a marcha sen soltalo. O garda foi desprazado uns 25 metros ata que logra desprenderse.
A continuación, deuse á fuga, pero pouco despois foi interceptada. A patrulla de Tráfico deu unhas voltas polo centro urbano de Moraña e detectou o vehículo parado á beira da parada de taxis e a condutora no seu interior.
Os axentes sometérona ás probas de consumo de alcol e drogas, nas que deu resultado negativo, pero o Grupo de Investigación e Análise de Tráfico do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra mantena en calidade de investigada por atentado a axente da autoridade.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o axente implicado non presenta lesións nin danos en uniformidade e equipo.