A Deputación valora coma un rotundo éxito o "workshop" celebrado en Barcelona
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mantivo ao longo deste martes unha completa axenda en Barcelona para pechar novas liñas de actuación para a potenciación da provincia de Pontevedra.
Deste xeito, Silva comezou a xornada cunha reunión co Fórum Gastronómico no Hotel Gran Marina de Barcelona, continuou cun encontro coa alcaldesa de L´Hospitalet de Llobregat, Nuria Marín, e rematou pola tarde co "workshop" de traballo entre empresas catalás e pontevedresas e coa presentación do destino Rías Baixas.
Carmela Silva amosou a súa satisfacción polos encontros pechados no "workshop" no que máis de 120 empresas catalás, medios de comunicación e turoperadores se reuniron con representantes de 30 empresas pontevedresas, a metade do Salnés, no Hotel Grand Marina de Barcelona.
Trala xuntanza de negocios, tivo lugar un cóctel de presentación do destino Rías Baixas no que, amais do presidente do Cluster de Turismo de Galicia e do presidente de Feprohos, tamén se deron cita autoridades locais de Barcelona e o presidente do Centro Galego na cidade condal.
Durante a presentación proxectouse o vídeo de "Somos historias" e déronse a coñecer os principais atractivos turísticos da provincia arredor do patrimonio, eixo de promoción da Deputación durante este ano.