Piden catro de prisión para unha muller que 'trapicheaba' con droga no poboado do Vao
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará este martes 28 de maio a M.B.P.C., unha muller de 45 anos, que está acusada de 'trapichear' con droga no poboado chabolista de O Vao (Poio). Impútaselle un delito contra a saúde pública por posesión de substancias que causan grave dano a persoas.
Segundo o escrito de acusación, o 18 de xuño de 2012 a Garda Civil sorprendeu á acusada dirixíndose a unha capela en ruínas que se atopa situada no poboado. Alí esperábana varias persoas. Cando chegaron os axentes pedíronlle que se identificase, "e nese momento arroxou ao chan de forma disimulada un envoltorio de papel de aluminio".
No seu interior, relata a Fiscalía, había un total de setenta e sete envoltorios máis pequenos nos que había unha substancia que, "convenientemente analizada", resultou ser cocaína cun peso total de 6,987 gramos, unha riqueza do 84,29% e un valor de 821,84 euros, que a imputada portaba co fin de entregalos previo pagamento a terceiras persoas,
Por estes feitos, o Ministerio Fiscal solicita eses catro anos de prisión por un delito contra a saúde pública, o decomiso de todas as substancias intervidas e o pago dunha multa de 1.000 euros, á que habería que sumar un día máis de privación de liberdade por cada cincuenta euros que deixe de abonar en caso de insolvencia.