O policía acusado de dar soplos a clubs de alterne e vender droga, xulgado once anos despois
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Lucas Rodríguez Pazos, ex axente da Policía Nacional acusado pola Fiscalía por por dar soplos a clubs de alterne e vender droga, foi finalmente xulgado once anos despois dos feitos que se lle atribúen e tras varios pasos pola Audiencia Provincial de Pontevedra e suspensións do xuízo. Este martes sentou no banco dos acusados, pero acolleuse ao seu dereito a non declarar, de modo que non se puido escoitar a súa versión do ocorrido.
O policía agora xubilado estaba inicialmente acusado xunto a outras 13 persoas que o pasado mes de xuño recoñeceron ante o tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra que nos anos 2006 e 2007 pertencían a seis grupos diferentes dedicados ao tráfico de drogas en Pontevedra capital, O Grove, Ribadumia-Meis e o sur da provincia e Portugal. Todos eles sentaron no banco dos acusados xunto a Lucas Rodríguez, pero naquela vista oral el negou toda implicación cos feitos que lle atribuían.
Para os outros acusados o xuízo xa foi sentenciado, pero no caso de Lucas aínda quedaba pendente e fixouse para o 8 de outubro, pero aquel día non chegou a celebrarse na súa totalidade porque o avogado defensor expuxo unha serie de cuestións previas que incluían a nulidade das actuacións xudiciais que acabaron co seu cliente e o banco.
A acusación da Fiscalía contra Lucas Rodríguez baséase nas escoitas que realizou a Garda Civil sobre os dous teléfonos que utilizaba habitualmente, que permitiron concluír que "compaxinaba a súa actividade profesional como Policía Nacional coa súa dedicación para distribuír cocaína a pequena escala entre os rexentes dos clubs de alterne de Pontevedra e entre as prostitutas que neles traballaban", e tamén nos testemuños dos gardas que lle fixeron seguimentos.
Este martes, tres deses axentes ratificaron todo o contido dos seus atestados na sala de vistas, dúas en persoa e o terceiro por viodeconferencia. Confirmaron que as escoitas telefónicas permitíronlles coñecer que o acusado encargaba a un dos homes xa condenados por esta causa, Benito L., que trouxese desde Málaga un encargo de dez quilos de algo que nun primeiro momento non se concretaba e, a medida que avanzaron os preparativas, tratábase coma se fose viño. Esa droga sería para un destinatario final da Costa da Morte.
A pesar de que nunca se mencionou como droga, os investigadores deducírono pola forma de falar dos interlocutores e souberon que era haxix e non outro substancia polos prezos dos que falaban, 1.100 e pico se era normal, 1.300 e pico se era boa e 1.700 e pico euros se era moi boa.
Ademais, cando souberon polas escoitas que quedaban na gasolineira dos Praceres porque Benito chegaba coa droga, fixéronlle un seguimento e viron como ambos se reunían nunha especie de reservado. Cando xa se levantaron, detivéronos a ambos e ningún dos dous mostrou sorpresa nin resistencia. Benito entregoulles voluntariamente unha tableta cuns 170 gramos de haxix que levaba encima e mostroulles que tiña no coche unha bolsa con outros nove quilos. No coche non había ningún viño.
Eses mesmos gardas civís ratificaron que as escoitas telefónicas permitiron pescudar que o acusado tiña unha "relación fluída" con persoal de clubs de alterne da comarca, entre eles, un home xa condenado por estes feitos que foi porteiro dos clubs Cachas Tolas e Leclé de Poio. Ademais, tiña unha relación sentimental cunha moza que exercía a prostitución no club Edén de Vilaboa.
Froito desa relación, segundo os gardas, facilitaba a traballadores de distintos clubs que eran as súas amigos informacións que tiña de cando se ían a realizar redadas. Tiña eses datos, segundo os investigadores, porque traballaba na oficina de denuncias da Comisaría e sabía cando saían os compañeiros.
Segundo a Fiscalía, difundiu en reiteradas ocasións entre os seus amigos, os rexentes dos clubs de alterne de Pontevedra, información confidencial e secreta que coñecía por razón do seu emprego, avisándolles das inspeccións e redadas que realizarían os seus compañeiros de estranxeiría, ao verlles saír para realizar o devandito servizo. Desta forma, permitíalles eludir calquera control policial da legalidade da súa situación en España.
O avogado defensor considera que o seu cliente é inocente e debe ser absolto e sostén que o feito de que se poña en cuestión as súas relacións con persoas que traballan en clubs é meterse na súa "vida privada", pois el "vivía a noite, consumía cocaína, ía a clubs nocturnos" e relacionábase con mozas que exercían a prostitución, pero iso non implica que cometese ningún delito, senón que formaba parte da súa faceta máis íntima e non do seu exercicio profesional.
A Fiscalía pide para Lucas dous anos e nove meses de prisión e multa de 21.000 euros por un delito contra a saúde pública na súa modalidade de posesión preordenada ao tráfico de substancias e 5.040 euros de multa (14 meses a razón de 12 euros día) por un delito contra a administración pública por revelación de información reservada.