A xunta da concentración parcelaria Troáns II informou do acordo de reestructuración previsto
Por Redacción
O alcalde Manuel Campos asistiu este martes á reunión da xunta local de concentración parcelaria do sector Troáns II na que se informou do acordo de reestructuración previsto.
O alcalde estivo acompañado polo delegado provincial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo Iglesias.
A concentración parcelaria iniciouse no ano 1995 e, unha vez publicado o decreto, actuouse nun total de 2.947 fincas cunha superficie total de 146 hectáreas e 614 propietarios, cun resultado final de 700 parcelas na superficie de 146 hectáreas.
Neste proceso pasouse dunha superficie media de parcela de 300 metros cadrados a unha superficie de 2.000 metros cadrados e unha media de parcelas por propietario de cinco antes do acordo a dúas na actualidade.
A día de hoxe estanse a realizar por parte do servizo de infraestructuras agrarias os traballos de medición para a colocación de marcos, que xa foron estaquillados en moitos dos predios.
O servizo de infraestruturas empezará próximamente a notificar por escrito aos propietarios das fincas resultantes.
Os planos do acordo estaran expostos nos locais das escolas de Troáns ou na páxina web da Conselleria de Medio Rural.
O goberno local valora positivamente os pasos dados e o impulso da Xunta de Galicia a estas concentracións parcelarias considerando que "foi unha aposta moi importante deste goberno dende o primeiro momento" realizándose reunións para informar aos propietarios e intentando avanzar o máis rápido posible nos traballos.